Vostede está aquí

Nova

A atleta olímpica Ana Peleteiro anima aos alumnos da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Coruña a incluír o peixe na súa dieta
  • A deportista de Ribeira participou nun dos actos da campaña ‘Vai de peixe’ no que ofreceu unha charla teórica sobre adestramentos, alimentación e motivación no deporte así como unha sesión práctica para os estudantes
  • Salientou a importancia de contar cun plan nutricional que inclúa os produtos do mar para mellorar os resultados deportivos e lembrou que hai receitas sinxelas de elaborar cos peixes e mariscos de Galicia
  • O tráiler desta iniciativa da Consellería do Mar estará mañá no Campus de Elviña, na Universidade da Coruña

  • Oleiros (A Coruña), 25 de novembro de 2019.- O tráiler da campaña Vai de peixe continúa o seu percorrido por Galicia. Esta mañá, coincidindo coa súa parada na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, a atleta olímpica Ana Peleteiro ofreceu unha charla teórica sobre adestramentos, alimentación e motivación no deporte e unha sesión práctica aos estudantes.

    A deportista galega explicoulles aos alumnos a súa traxectoria deportiva e os motivos polos que decidiu optar polo atletismo así como a importancia de incluír os produtos do mar na dieta para contar cunha alimentación saudable e estar ben fisicamente para poder acadar os seus obxectivos. Por iso, animou aos estudantes, que ateigaron o salón de actos da facultade, a introducir os peixes e mariscos na súa dieta e explicoulles que hai moitas receitas que son sinxelas de elaborar e que permiten ter unha alimentación variada.

    Ana Peleteiro destacou a importancia de contar cun plan nutricional que inclúa distintos tipos de alimentos saudables e lembrou as posibilidades que ofrece Galicia, cun gran número de produtos do mar para escoller, algo que, lamentou, nalgunhas ocasións non atopa cando vai a competir a outros países, o que lle dificulta cumprir con ese plan nutricional.

    Neste encontro cos alumnos da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Coruña a deportista de Ribeira tamén participou nunha demostración práctica na que deu consellos aos estudantes sobre como mellorar a súa técnica de salto ou que movementos realizar para obter mellores resultados.

    A atleta é unha das prescritoras de Vai de peixe, a campaña impulsada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar co obxectivo de cambiar os hábitos alimenticios da franxa de idade de entre 18 e 35 anos para que desfruten máis e mellor dos produtos do mar, esenciais nunha alimentación equilibrada e saudable.

    Tras visitar a pasada semana os Campus de Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, o camión realizará as seguintes paradas nos vindeiros días:

    26/11
    Campus de Elviña, Universidade da Coruña
     
    27/11
    Campus de Ferrol, Universidade da Coruña
     
    28/11

    Campus de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela

     
    29/11
    Campus de Ourense, Universidade de Vigo
     

     

    Que é Vai de peixe?

    Vai de peixe é a primeira campaña de España destinada especificamente a impulsar o consumo dos produtos do mar e da acuicultura na franxa de idade entre os 18 e os 35 anos (xeración millennial).

    Mediante unha estratexia baseada na promoción dixital a través da web e redes sociais (Instagram e canle de Youtube), Vai de peixe busca fomentar hábitos de alimentación saudable e promover un consumo frecuente de peixe e marisco nesta franxa de idade, para concienciar da importancia dunha nutrición equilibrada. Durante o curso académico 2019-2020, Vai de peixe tamén levará a cabo unha serie de accións destinadas á difusión de información dos produtos pesqueiros, así como de receitas sinxelas e adaptadas ao estilo de vida millennial.

    Galeria de imaxes