Vostede está aquí

Nova

A Xunta preséntalles aos profesionais do mar o proxecto da 'Sogama da auga' como a ferramenta para garantir unha boa depuración e para acadar a meta do saneamento integral das rías
  • O impulso do novo organismo ten entre os seus obxectivos facilitar a actividade pesqueira, marisqueira e da acuicultura ao mellorar a calidade das augas
  • O Goberno galego pon en valor que os 1.100 millóns de euros investidos en infraestruturas hidráulicas en 10 anos contribuíron a mellorar en 10 puntos a porcentaxe de rías con boa calidade da auga
  • A conselleira de Infraestruturas defende a necesidade de impulsar unha sociedade pública de xestión do ciclo da auga para axudar aos concellos a exercer correctamente estas competencias municipais
  • A Xunta lembra que máis da metade das depuradoras xestionadas por administracións locais teñen un funcionamento deficiente
  • O Goberno galego quere apoiar ás entidades locais na correcta explotación das infraestruturas hidráulicas, ofrecer uns servizos de calidade á poboación e cumprir os obxectivos ambientais, como o saneamento das rías

  • Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019.- A Xunta presentoulle hoxe aos profesionais do mar o proxecto da Sogama da auga como a ferramenta necesaria para garantir unha boa depuración e para acadar a meta do saneamento integral das rías galegas.

    As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, mantiveron esta mañá unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José A. Pérez Sieira, e cos responsables da Federación de Confrarías de Pontevedra, José Manuel Rosas, e da Coruña, Daniel Formoso.

    Na xuntanza, as conselleiras, acompañadas da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, explicaron que o proxecto de creación dunha sociedade pública de xestión do ciclo da auga ten entre os seus obxectivos facilitar a actividade pesqueira, marisqueira e da acuicultura ao mellorar a calidade das augas.

    As conselleiras lembraron que o Goberno galego traballa co obxectivo “irrenunciable” de acadar o saneamento integral das rías galegas, para o que leva mobilizados xa máis de 1.100 millóns de euros en infraestruturas hidráulicas. Eses investimentos permitiron levar a cabo 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a 165 concellos, e entre os que destaca a construción de 45 novas depuradoras.

    Segundo sinalaron, ese traballo deu resultados, pois permitiu estender os servizos de saneamento e depuración ata chegar a máis de 3,3 millóns de habitantes equivalentes fronte aos 1,8 millóns de 2009; que o 90% das aglomeracións urbanas cumpran coa directiva europea fronte ao 50% no 2007, e que hoxe o 76% das masas de auga das rías estea en bo estado, 10 puntos máis que hai 10 anos.

    As conselleiras trasladaron a vontade de seguir traballando para acadar o saneamento integral da rías galegas, para o que sinalaron como imprescindible poder asegurar un correcto funcionamento das infraestruturas hidráulicas xa construídas. A este respecto, indicaron a preocupación existente polo feito de que máis da metade das depuradoras xestionadas polos municipios galegos teñen un funcionamento deficiente.

    Para mellorar esta situación, a Xunta está a impulsar unha sociedade pública de xestión do ciclo da auga para axudar aos concellos a exercer de forma axeitada as súas competencias municipais sobre saneamento e depuración.

    Co novo ente, a Xunta quere apoiar ás entidades locais na correcta explotación e mantemento das obras xa feitas, ofrecer uns servizos de calidade á poboación e contribuír, de xeito eficaz, á consecución dos obxectivos ambientais, como o saneamento integral das rías.

    A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, apelou á necesidade da implicación de todos, especialmente as administración locais, que teñen por Lei as competencias en materia de saneamento, e as deputacións, que teñen a obriga de auxiliar aos concellos.

    Por iso desde a Xunta se agarda reflexión e diálogo por parte dos organismos provinciais, porque sería unha boa oportunidade para demostrar que poden ser organismos útiles, e sobre todo porque isto representa e supón unha mellora das augas, das rías e, con iso, a mellora para os sectores produtivos, pesca, marisqueo, acuicultura e turismo, que supoñen milleiros de empregos.

    Galeria de imaxes