Vostede está aquí

Nova

A Xunta apoia a actividade da organización de produtores pesqueiros de Lugo cunha achega de 325.000 euros
  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, e a directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez, reuníronse con directivos da entidade burelá para avaliar as liñas de colaboración en marcha

  • Burela (Lugo), 13 de decembro de 2019.- A Consellería do Mar concedeu unha achega de 325.000 euros para apoiar a actividade que desenvolve a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) con sede en Burela. Ambas partes mantiveron unha xuntanza para valorar as liñas de colaboración que están a desenvolver en relación coa preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización do peixe que chega á lonxa burelá.

    Na reunión participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez; e o presidente da OPP, Juan José Otero Fernández, entre outros.

    Balseiro explicou que esta medida de apoio ten periodicidade anual e impulsa accións de promoción e divulgación co obxectivo de ampliar o mercado para os produtos da lonxa burelá, especialmente o bonito do norte e a pescada do pincho. Ao mesmo tempo, tamén permite traballar na modernización da flota.

    Os plans que guían a actuación da OPP inclúen encontros empresariais ou obradoiros científicos, para afondar nos coñecementos que melloran as técnicas de produción e comercialización; tamén favorece proxectos de introdución de novas tecnoloxías nos buques; e incide nas accións de comunicación para afianzar o peixe de Burela como un referente de calidade dentro e fóra da nosa comunidade.

    As axudas da Xunta de Galicia poden destinarse a financiar tanto o propio funcionamento da organización como accións en beneficio do sector, sempre que estean recollidas no plan. Entre outros, son conceptos subvencionables os gastos de persoal, a contratación de empresas externas ou profesionais independentes, obras e adquisición de bens e subministracións, convenios de colaboración con organismos científicos e outras entidades, ou gastos derivados de feiras, congresos, cursos, reunións, xornadas ou eventos semellantes.