Vostede está aquí

Nova

Galicia insiste na importancia de manter o equilibrio entre os aspectos medioambientais e socieconómicos ao determinar as posibilidades de pesca
  • No caso da pescada sur, Rosa Quintana manifestou que hai marxe para conseguir manter o Total Admisible de Capturas deste ano e que deste xeito se obtería unha recuperación da biomasa dun 47%
  • A comunidade autónoma galega defende o incremento do TAC do xurelo da zona que vai de Fisterra cara ao sur
  • En canto á cigala no Cantábrico, Galicia apoia que se permita a súa extracción tendo en conta que a situación do recurso é mellor da que recoñece a Comisión Europea
     

  • Bruxelas, 16 de decembro de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé hoxe en Bruxelas na necesidade de manter o equilibrio nos eidos medioambiental, social e económico á hora de determinar as posibilidades de pesca. Un aspecto, sinalou, que esta mañá puxeron enriba da mesa varios ministros de diferentes países, entre eles España, Alemaña e Portugal, durante o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que se está a celebrar na capital belga e no que Galicia acompaña ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación das comunidades autónomas de España.

    Esta coincidencia e defensa común na liña do que establece a Política Común de Pesca, subliñou Rosa Quintana, “é unha boa noticia, pois consolida a tese que vimos defendendo desde Galicia e desde España”. Nesta liña, Rosa Quintana, puxo unha vez máis en valor o labor e os esforzos do sector na xestión e lembrou que a maioría das pesqueiras nas que faena a frota galega se atopan en bo estado biolóxico, en niveis de rendemento máximo sustentable (RMS).

    En relación ás perspectivas de especies como a pescada e o xurelo, fundamentais para a frota galega tanto en facturación como en volume de descargas, a titular de Mar lembrou que Galicia aportou tanto ao Goberno central como á Comisión Europea dous informes de impacto socioeconómico sobre os recortes propostos pola Comisión Europea nas posibilidades de pesca para ambas especies.

    No caso da pescada sur -para a que a comisión presentou unha proposta de redución do 20%- manifestou que hai marxe para conseguir manter o Total Admisible de Capturas deste ano. Deste xeito, explicou a conselleira, teríamos unha recuperación da biomasa dun 47%, polo que “defendemos que se manteñan as posibilidades de pesca desta especie” e solicitámoslle ao Ministerio que defendese esta proposta.

    En canto ao xurelo -especie para a que a Comisión Europea propuxo un recorte de arredor dun 50% de media entre augas do Cantábrico e ao sur de Fisterra- Galicia defende o seu incremento na zona que vai de Fisterra cara ao sur, tendo en conta que o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), propón unha suba de máis dun 20%.

    Outro dos informes de Galicia para defender os intereses galegos no Consello de Ministros de Pesca é o da cigala do Cantábrico Noroeste, elaborado polo sector coa colaboración da Consellería do Mar e aprobado polo Consello Galego de Pesca. Este estudo mostra que a situación do recurso é mellor da que a propia Comisión Europea recoñece e considera demasiado restritivo o peche da pesqueira. Nesta liña, dentro da delegación española que participa no Consello de Ministros de Pesca da UE, Galicia defende que se permita ao sector realizar a extracción desta especie.
     

    Galeria de imaxes