Vostede está aquí

Nova

As pemes de transformación de produtos do mar beneficiaranse de 17 millóns de euros para mellorar as súas instalacións
  • O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a orde que regula a convocatoria de 2020 destas achegas coas que a Xunta subvenciona ata o 50% dos investimentos que fomenten a sustentabilidade ambiental
  • Teñen como obxectivo apoiar melloras das pemes que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente e que melloren a seguridade, a hixiene e as condicións de traballo, entre outros aspectos

  • Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2019.- A Consellería do Mar destina 17 millóns de euros á convocatoria de axudas de 2020 para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura. Deles, 7 millóns de euros son para a anualidade 2020 e a cantidade restante, 10 millóns de euros, para a anualidade 2021. A través destas achegas, cofinanciadas, co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), apoiaranse ata o 50% dos investimentos que fagan as pemes que fomenten a sustentabilidade ambiental.

    Así o sinala a orde que regula a convocatoria destas achegas publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia e que teñen como obxectivo apoiar os proxectos que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poida destinar ao consumo humano.

    Ademais son obxecto de subvención aquelas actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros. As persoas interesadas en acceder a estas axudas poden consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde que publicará mañá o Diario Oficial de Galicia.

    Entre o 2016 e este ano beneficiáronse desta orde de axudas máis de 180 pemes de transformación de produtos do mar por valor de máis de 42,3 millóns de euros. A través delas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados coa posta en marcha de industria de procesado de peixe, con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.