Vostede está aquí

Nova

A Xunta completa a dixitalización de catorce rulas galegas
  • Ferrol, Cariño, Baiona, Vilaxoán, Fisterra, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, A Guarda, Aldán, Camariñas, Vilaboa, Arcade, Barallobre e Mugardos xa dispoñen desta plataforma tecnolóxica única que integra os sistemas de xestión, poxa e comercialización
  • O sistema permite as poxas desde dispositivos móbiles para aqueles compradores autorizados, que evitan desprazarse e poden mercar en diferentes lonxas de xeito simultáneo
  • Desde o arranque da nova solución xestionáronse na plataforma máis de 38.000 lotes, que supuxeron mais de 1.330 toneladas de produtos do mar por un importe de venda superior aos 3,3 millóns de euros

  • Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2020.- As lonxas de Ferrol, Fisterra, Camariñas, Cariño, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Mugardos e Barallobre na provincia de A Coruña, e Aldán, A Guarda, Baiona, Vilaxoán, Vilaboa e Arcade en Pontevedra, xa dispoñen da plataforma tecnolóxica única que integra os sistemas de xestión, poxa, comercialización e emisión de notas de venda. Son as catorce primeiras lonxas nas que se completa a iniciativa Primare Lonxas 4.0 para a dixitalización das rulas, impulsada pola Amtega e a Consellería do Mar.

    Desde o arranque da nova solución xestionáronse na plataforma máis de 38.000 lotes, que supuxeron mais de 1.330 toneladas de produtos do mar por un importe de venda superior aos 3,3 millóns de euros.

    No 2020 está previsto continuar estendendo a implantación do sistema e continuar traballando no desenvolvemento de novas funcionalidades e na mellora das infraestruturas e equipamento tecnolóxico

    Solucións de comercialización e xestión

    As lonxas nas que se completou a dixitalización teñen acceso nesta plataforma a unha nova solución de comercialización, que lles permite obter información de xeito automático da identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas na lonxa para a súa poxa nas distintas modalidades e emitir os documentos relacionados coa comercialización dos produtos.

    O novo sistema de xestión da actividade da lonxa e da confraría facilítalles a tramitación da contabilidade, da facturación, do pago de impostos coas distintas administracións e a xestión social da entidade (censo, información de interese, etc.).

    A iniciativa Lonxas 4.0 abrangue tamén a dotación de equipos tecnolóxicos como pantallas de poxa, servidores, smartphones, equipamento que facilite a comunicación con básculas e etiquetadores, etc.

    Poxas online

    Co novo sistema o director da poxa dirixe o proceso a través dun smarthphone e os compradores autorizados poden poxar a través dunha aplicación, ben de xeito presencial ou sen desprazarse e, incluso, facéndoo en diferentes rulas ao mesmo tempo como así está a ocorrer xa por parte dalgúns compradores non presenciais.

    Para algunha especie e modalidade concreta de poxa estase avaliando a posibilidade mesmo de que os compradores non teñan que acudir á rula, adxudicando directamente o sistema ao prezo mais alto, baixo a supervisión do poxador da lonxa, os produtos á venda.

    A dixitalización das lonxas comprende, tamén, a mellora da conectividade ás redes de comunicacións, ampliando as capacidades e prestacións, para o que se están instalando nas lonxas e confrarías do proxecto liñas de comunicacións de altas capacidades (a través da Rede Corporativa de Comunicacións da Xunta de Galicia, incluíndo ademais unha segunda liña de respaldo.

    O proxecto abrangue tamén o equipamento de comunicacións necesario, incluíndo a conectividade sen fíos (wifi) nas canchas de poxa, para que podan conectarse os compradores durante os procesos de venda.

    Modernización de centros neurálxicos

    Co proceso de modernización ábrense novas canles de comercialización e mellórase a trazabilidade, eficiencia e integración da información. Estes son aspectos fundamentais, tendo en conta que Galicia é destino dunha cifra anual que rolda o 70% do que chega ás lonxas españolas e dun 10% da que se desembarca no marco da Unión Europea: 64 puntos de primeira venda e 240 especies diferentes que pasaron por eles. Durante 2018 descargáronse 174.000 Toneladas cunha cifra de vendas de 491 millóns de euros de facturación (peixe e marisco), cun prezo medio dos produtos nas nosas lonxas de 2,82 €/kg.

    Para levar a cabo estas actuacións a Xunta de Galicia está a investir mais de 4,7 millóns euros distribuídos no período 2018 a 2021, cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP); ao que se suma a mellora nas liñas de comunicacións nas lonxas e confrarías participantes cun investimento de Amtega de mais de 1,1 millóns de euros.

    Primare

    O proceso de modernización e transformación dixital das lonxas é unha das actuacións previstas no Programa Primare da Xunta, que impulsa a Amtega en colaboración coa Consellería do Mar e a Consellería do Medio Rural para modernizar os sectores primarios galegos a través de solucións tecnolóxicas innovadoras. Forman parte tamén deste programa outras actuacións como as inspeccións intelixentes avanzadas e a xestión das parcelas agrícolas ou os sistemas de apoio na vixianza e xestión dos incendios forestais, entre outras actuacións.