Vostede está aquí

Nova

Galicia impulsará o funcionamento e mellora da competitividade das súas confrarías de pescadores a través das súas federacións
  • As catro entidades que agrupan ás 63 confrarías galegas beneficiaranse este ano de máis de 400.000 euros para facer fronte a gastos derivados da súa actividade e á implantación de melloras para optimizar o seu labor
     
  • Os convenios asinados hoxe, por importe de 336.000 euros, subscríbense todos os anos para cubrir gastos como a contratación de persoal ou arrendamentos
  • A estes acordos súmanse outros para a implantación de melloras tecnolóxicas ou a organización de cursos e xornadas temáticas de interese para o sector por importe de 75.000 euros
  • A titular de Mar enxalzou o labor das federacións de confrarías no coidado dos recursos pesqueiros e marisqueiros e destacou a importancia de reforzar o seu papel para avanzar na coxestión do medio mariño

  • Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o papel que desempeñan as federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores na representación tanto das 63 entidades existentes en Galicia como dos seus profesionais e salientou a importancia de apoiar o seu funcionamento e a mellora da súa competitividade. Con ese obxectivo, destacou, as catro federacións existentes en Galicia -a galega e as provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra- beneficiaranse este ano de máis de 400.000 euros en axudas para afondar nas súas capacidades de comunicación e representación e reforzar o seu papel para avanzar na coxestión do medio mariño.

    A representante da Xunta lembrou durante a sinatura duns acordos de colaboración entre a Consellería do Mar e as federacións galega e provinciais da Coruña e Pontevedra -o convenio con Lugo asinarase nos vindeiros días- o labor destas entidades no coidado dos recursos pesqueiros e marisqueiros e na defensa do futuro do sector, polo que defendeu a necesidade de apoiar o seu traballo.

    Os convenios asinados hoxe pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e os presidentes das tres federacións adoitan subscribirse todos os anos e son para facer fronte a gastos correntes derivados do seu funcionamento, o que permite atender gastos como a contratación de persoal, arrendamentos ou reparacións, entre outros. A partida deste ano neste apartado para as catro federacións ascende a 336.000 euros.

    A estes acordos de colaboración súmanse outros que están en tramitación -materializaranse nos próximos meses- e dos que se benefician tamén as catro organizacións de confrarías para o desenvolvemento de accións que melloren a competitividade da actividade marítimo-pesqueira. Os 75.000 euros destinados a esta partida permiten apoiar accións como a implantación de novas tecnoloxías para facilitar a actividade das federacións ou a organización de cursos e xornadas temáticas de interese do sector.

    Estes apoios, destacou a conselleira do Mar, buscan afianzar a cogobernanza e a coxestión do medio mariño entre a Administración e o propio sector co obxectivo de que esa unidade de acción contribúa a facer de motor do sector pesqueiro e garantir o seu futuro.

    Convenios coa federación de redeiras

    A estas colaboracións súmanse outras anuais como as que a Consellería do Mar mantén coa Federación de Redeiras O Peirao para sufragar tamén os gastos correntes da entidade e a mellora da súa competitividade. O apoio á federación de redeiras ascende este ano a 13.000 euros e o primeiro deses convenios de colaboración, o de gastos derivados do seu funcionamento, asinarase nos próximos días.

    Galeria de imaxes