Vostede está aquí

Nova

Galicia alerta de que a reforma do regulamento de Costas pon en risco "como minimísimo" a máis dun cento de empresas do seu complexo mar-industria
  • A Xunta leva advertindo desde abril do ano pasado da inseguridade xurídica que xera a proposta do Goberno do Estado e de que pode supoñer un freo para todo o sector marítimo pesqueiro da comunidade
  • Solicita que se garanta ao máximo a seguridade xurídica e que os distintos operadores afectados non queden expostos a decisións arbitrarias e cambios de criterio que poidan producirse en función do Goberno de turno
  • O impacto dos cambios normativos esténdese a preto de 5.000 edificacións de 80 concellos costeiros entre as que se atopan colexios e centros de saúde
  • A conselleira do Mar pide sensibilidade ao Goberno do Estado e salienta que as empresas afectadas desenvolven unha actividade que non supón ningún risco para o medio ambiente e si moita riqueza para as zonas costeiras

  • Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, alertou hoxe de que a proposta de modificación do regulamento xeral de Costas impulsada polo Goberno central pon en risco “como minimísimo a máis dun cento de empresas” do complexo mar-industria asentadas no litoral Galicia, como depuradoras, cetáreas, cocedoiros ou fábricas de conservas, e explicou que este cambio normativo pode traducirse nun freo para todo o sector marítimo-pesqueiro da comunidade.

    “Esta reforma ataca á liña de flotación do noso sector pois temos que pensar que toda a nosa produción de mexillón, ameixa ou berberecho ten que pasar por depuradoras, cocedoiros ou empresas de transformación e, se estas non teñen seguridade xurídica, veríase seriamente comprometida a posta no mercado da produción dos nosos mariscadores e bateeiros”, resumiu a titular de Mar.

    Rosa Quintana lembrou que o Executivo galego leva advertindo desde abril do ano pasado da inseguridade xurídica que xera a proposta do Goberno do Estado e destacou que Galicia defende un regulamento que teña en conta a viabilidade e sustentabilidade das industrias que se relacionan co mar porque diso depende o futuro do sector.

    De feito, as alegacións presentadas pola Xunta ao cambio lexislativo solicitan que se garanta ao máximo o principio de seguridade xurídica e que os distintos operadores afectados non queden expostos a decisións arbitrarias e cambios de criterio que poidan producirse en función do Goberno de turno e que incidan no desenvolvemento da súa actividade.

    Entre os aspectos que o Executivo galego considera prexudiciais para as empresas afectadas está que o prazo máximo de duración das concesións quedaría moi limitado, a un máximo de 75 anos incluídas as prórrogas. A Consellería do Mar defende que ese prazo, de 75 anos, non inclúa o da concesión senón unicamente as prórrogas, pois do contrario poría en risco a viabilidade de empresas que deseñaron os seus plans empresariais de acordo cos prazos anteriormente previstos.

    Outro asunto que a Xunta considera contraproducente é o feito de que se revisen novamente os requisitos cumpridos para o outorgamento da concesión cando se teña que decidir sobre a prórroga. Esta medida tamén complicaría o futuro de numerosas instalacións ao incrementar a documentación, o tempo e os gastos necesarios para renovar ou ampliar esas concesións.

    A reforma do regulamento de Costas establece ademais a obriga de derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre as actividades que poidan desenvolverse noutro lugar, algo que, aínda que pode ser viable tecnicamente, implicaría un encarecemento da produción, polo que pode facer insostible a situación económica dalgunhas empresas ao provocar que perdan rendibilidade.

    Outras instalacións afectadas

    Á marxe do complexo mar-industria, o regulamento afecta a preto de 5.000 edificacións de 80 concellos costeiros, entre as que se atopan desde centros de saúde ata colexios. Para evitar consecuencias negativas nestas instalacións, as conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, solicitaron en varias ocasións ao anterior Ministerio para a Transición Ecolóxica que aclarase diferentes dúbidas e limitase a incidencia da reforma do regulamento de Costas que promove, sen que polo momento o Estado aportase nada novo sobre este asunto.

    A conselleira do Mar reiterou que a Xunta defende ante todo o principio de seguridade xurídica e pediulle sensibilidade á nova Vicepresidencia para a Transición Ecolóxica. “Sería darlle un estacazo definitivo á cadea mar-industria, a unhas empresas que temos acreditado que desenvolven unha actividade que non supón ningún risco para o medio ambiente e si moita riqueza para as nosas zonas costeiras”, concluíu a titular de Mar.