Vostede está aquí

Nova

Galicia insta ao Goberno do Estado a aclarar de xeito oficial se paraliza a reforma do regulamento de Costas que tiña en marcha
  • A Xunta lamenta non ter recibido ningunha notificación do Executivo central e pide que explique se é certo o anuncio realizado por un concelleiro socialista do Concello de Vilanova de Arousa
  • A Consellería do Mar advirte de que o Estado está a aplicar a normativa de Costas en vigor dun xeito hiperrestritivo, o que deixa entrever a tendencia cara a falla de estabilidade e seguridade xurídica no sector
  • Rosa Quintana lembra que o PSOE, estando na oposición, recorreu ante o Tribunal Constitucional a modificación da duración das prórrogas das concesións
  • O Goberno galego solicitou en varias ocasións ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que clarexase diferentes dúbidas sobre o seu borrador de regulamento, sen que o Executivo central aportase nada novo

  • Santiago, 28 de xaneiro de 2020.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, instou hoxe ao Goberno do Estado a aclarar oficialmente se é certo que decidiu paralizar a modificación do regulamento xeral de Costas, tal e como anunciou onte un concelleiro socialista durante a celebración do pleno municipal de Vilanova de Arousa, e lamentou que a Xunta de Galicia non recibise ningunha notificación oficial ao respecto. “Non son as formas de facer as cousas pero agradaríanos recibir esa comunicación porque sería unha boa noticia para toda a cadea mar-industria de Galicia”, indicou a titular de Mar.

    A representante do Executivo galego lembrou nunha entrevista concedida á Radio Galega que a proposta de modificación do regulamento xeral de Costas, da que a Xunta vén advertindo desde abril do ano pasado, pon en risco “como mínimo” a máis dun cento de empresas do complexo mar-industria de Galicia, como depuradoras, cetáreas, cocedoiros ou fábricas de conservas, e explicou que este cambio normativo se traduciría nun freo para todo o sector marítimo-pesqueiro da comunidade.

    Rosa Quintana incidiu en que os cambios normativos impulsados polo Goberno central provocarían inseguridade xurídica nesas máis dun cento de instalacións pero tamén noutras máis de 5.000 edificacións repartidas por todo o litoral de Galicia como colexios, estacións depuradoras de augas residuais ou centros de saúde. Neste sentido, a conselleira do Mar salientou a necesidade de darlle seguridade xurídica ao sector para que poida seguir facendo investimentos, medrando e desenvolvendo a súa actividade na comunidade.

    Á espera da confirmación oficial de que se paraliza a tramitación, a titular de Mar tamén lamentou que a pesar de teren en elaboración o novo regulamento de Costas, o Estado xa está a aplicar o regulamento en vigor dun xeito hiperrestritivo, o que está a afectar xa a algunhas empresas que viron como a renovación das súas prórrogas se producía por un tempo, nalgúns casos, inferior a un ano. Esta situación deixa entrever a tendencia cara a falla de estabilidade e seguridade xurídica iniciada polo Goberno estatal neste eido.

    De feito, a conselleira do Mar mostrou as súas dúbidas de que o Executivo socialista teña a intención de dar seguridade xurídica ao sector pois, lembrou, na anterior modificación da lei de Costas, o PSOE -que estaba na oposición- recorreu ante o Tribunal Constitucional precisamente a modificación da duración das prórrogas de ocupación da zona de dominio público marítimo-terrestre.

    Rosa Quintana recordou que o Executivo galego leva advertindo desde abril do ano pasado da inseguridade xurídica que xera a proposta do Goberno do Estado e destacou que Galicia defende un regulamento que teña en conta a viabilidade e sustentabilidade das industrias que se relacionan co mar porque diso depende o futuro do sector.

    De feito, as alegacións presentadas pola Xunta ao cambio lexislativo solicitaban que se garantise ao máximo o principio de seguridade xurídica e que os distintos operadores afectados non quedasen expostos a decisións arbitrarias e cambios de criterio que puideran producirse en función do Goberno de turno e que incidisen na súa actividade.

    Aspectos prexudiciais

    Entre os aspectos da proposta de regulamento que o Executivo galego considera prexudiciais para as empresas afectadas está que o prazo máximo de duración das concesións quedaría moi limitado, a un máximo de 75 anos incluídas as prórrogas. A Consellería do Mar defende que ese prazo, de 75 anos, non inclúa o da concesión senón unicamente as prórrogas, pois do contrario poría en risco a viabilidade de empresas que deseñaron os seus plans empresariais de acordo cos prazos anteriormente previstos.

    Outro asunto que a Xunta considera contraproducente é o feito de que prevese revisar novamente os requisitos cumpridos para o outorgamento da concesión cando se teña que decidir sobre a prórroga. Esta medida tamén complicaría o futuro de numerosas instalacións ao incrementar a documentación, o tempo e os gastos necesarios para renovar ou ampliar esas concesións.

    A reforma do regulamento de Costas establecería ademais a obriga de derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre as actividades que poidan desenvolverse noutro lugar, algo que, aínda que pode ser viable tecnicamente, implicaría un encarecemento da produción, polo que pode facer insostible a situación económica dalgunhas empresas ao provocar que perdan rendibilidade.

    Á marxe do complexo mar-industria, o regulamento afectaría a preto de 5.000 edificacións de 80 concellos costeiros, entre as que se atopan desde centros de saúde ata colexios. Para evitar consecuencias negativas nestas instalacións, as conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, solicitaron en varias ocasións ao anterior Ministerio para a Transición Ecolóxica que aclarase diferentes dúbidas e limitase a incidencia da reforma do regulamento de Costas, sen que o Estado aportase nada novo sobre este asunto.