Vostede está aquí

Nova

Os bateeiros poderán acceder a través do móbil á información sobre o estado das súas zonas de produción grazas a unha app desenvolvida en colaboración coa Xunta
  • Esta ferramenta pon a disposición dos socios do Consello Regulador información do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño sobre biotoxinas e contaminación microbiolóxica
  • A titular de Mar confía en que esta aplicación contribúa a impulsar a DOP Mexillón de Galicia e que o sector manteña a senda de crecemento rexistrada nos últimos anos tanto en produción como en facturación

  • Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 20 de febreiro de 2020.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación dunha aplicación móbil coa que os socios do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia poderán acceder de xeito rápido e cómodo á información que ofrece o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) sobre o estado das zonas de produción de moluscos bivalvos ante fenómenos como a presenza de biotoxinas mariñas.

    A representante do Executivo galego explicou que no afán de superación e mellora do servizo público que presta, o ente dependente da Consellería do Mar puxo recentemente a disposición dos usuarios un novo servizo denominado API REST para a consulta do estado das diferentes zonas de produción de Galicia, tanto no que respecta ao estado das biotoxinas mariñas como na clasificación microbiolóxica desas zonas.

    Este servizo é un instrumento máis dos ofrecidos polo Intecmar e ten como obxectivo que o sector profesional poida desenvolver ferramentas personalizadas -como sitios web ou aplicacións para dispositivos móbiles- integrando nelas os datos da situación das zonas de produción, como é o caso da desenvolvida polo Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia para os seus socios.

    Neste sentido, a conselleira do Mar destacou que a colaboración entre o Consello Regulador e o ente dependente da Xunta permite “dar un paso máis na posta a disposición dos usuarios desta información” ao facilitar aos bateeiros a consulta, a través do seu móbil, de información diversa sobre biotoxinas, oceanografía e fitoplancto ou contaminación microbiolóxica.

    A titular de Mar lembrou ademais que o Intecmar ofrece de xeito constante datos sobre a situación das zonas de produción de moluscos e outros invertebrados mariños de Galicia, información sobre as mostraxes que se están realizando en cada momento, as xa realizadas e as que están previstas, ao tempo que aporta información actualizada cos cambios de situación derivados das análises feitas cada día. Unha información que está totalmente a disposición do sector profesional e de calquera usuario.

    Por iso, Rosa Quintana mostrou a súa confianza en que esta nova ferramenta contribúa a impulsar a DOP Mexillón de Galicia, a única para produtos do mar existente en España, así como o traballo dos seus socios. Neste sentido, a conselleira do Mar lembrou que o sector galego do mexillón está inmerso nos últimos anos nunha senda de crecemento que lle permitiu comercializar en 2018 máis de 236.000 toneladas de mexillón e facturar máis de 128 millóns de euros. “Galicia é unha potencia mundial na produción de mexillón e temos que preservar conxuntamente o recurso, o hábitat que o contén e ao profesional que o recolle”, concluíu a representante do Executivo galego.

    Galeria de imaxes