Vostede está aquí

Nova

A Consellería do Mar reintegrará as taxas dos servizos de comedor e residencia non desfrutados polos alumnos nos seus centros de ensino pola crise do coronavirus
  • A medida afecta á Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e ao Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, os dous centros adscritos á Consellería do Mar que contan con servizo de comedor e residencia

  • Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2020.- A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro vén de emitir sendas resolucións polas que establece a devolución das taxas abonadas e non desfrutadas polas persoas beneficiarias das prazas de residencia e comedor nos centros residenciais da Consellería do Mar que contan con estes servizos -a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo- ante a declaración do estado de alarma polo coronavirus.

    A medida dá resposta á situación derivada da suspensión da actividade educativa presencial en todos os centros, tanto públicos como privados, co obxectivo de evitar a expansión da enfermidade e supón proceder ao reintegro da parte proporcional dos prezos públicos aboados polos alumnos para acceder aos servizos de residencia e de comedor e dos que non puideron desfrutar por ese peche efectivo das instalacións.

    Por iso, a resolución emitida polo Executivo galego autoriza a devolución da parte proporcional das taxas ingresadas e non desfrutadas no segundo trimestre do curso escolar 2019-2020, posto que o estado de alarma se declarou a mediados de marzo, e tamén o reintegro das taxas aboadas e non desfrutadas no terceiro trimestre do curso académico.