Vostede está aquí

Nova

A Xunta destaca o valor de eventos como a Festa da Conserva de Vilanova para enxalzar os produtos do mar e apoiar ao sector ante a crise do coronavirus
  • Rosa Quintana subliña que festas coma esta contribúen a agradecer á industria o gran labor realizado durante a pandemia para subministrar alimentos da calidade á cidadanía a pesar das dificultades
  • A titular de Mar en funcións enxalzou o traballo do Concello de Vilanova para dinamizar o complexo mar-industria e a súa adaptación trala cancelación pola covid-19 de eventos estivais como as festas do mexillón e do berberecho
     

  • Vilanova de Arousa (Pontevedra), 1 de agosto de 2020.- A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración da I Festa da Conserva e Produtos Elaborados do Mar onde destacou a importancia da celebración de eventos coma este para enxalzar a extraordinaria calidade dos produtos do mar de Galicia e para apoiar ao sector en momentos tan complexos como o actual como consecuencia da crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus.

    A representante da Xunta incidiu no difícil que será volver aos niveis de produción e facturación previos á pandemia pero salientou que festas coma esta contribúen a agradecer ao sector o gran labor realizado nos últimos meses, nos que mantivo a súa actividade a pesar das dificultades co obxectivo de cumprir o seu papel de actividade esencial e subministrar alimentos de calidade á cidadanía.

    Por iso, Rosa Quintana agradeceu ao Concello de Vilanova de Arousa o seu papel de dinamizador do sector e o compromiso por axudar a revitalizar a actividade da industria transformadora. De feito, esta primeira edición da festa da conserva xurde pola necesidade de reinventarse trala cancelación doutros eventos estivais pola covid-19 como son as festas do mexillón e do berberecho.

    A titular de Mar en funcións, que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lembrou que o sector conserveiro galego é o primeiro produtor de Europa e o segundo do mundo e que concentra o 80% da produción e o 70% da facturación española neste eido. A industria transformadora nacional exportou en 2019 máis de 200.000 toneladas de produtos do mar, o que xerou máis de 990 millóns de euros de ingresos, o que supón un novo máximo histórico.

    Festa da conserva

    A Festa da Conserva e Produtos do Mar de Vilanova de Arousa enmárcase na programación Sonatas de Verán, un evento que une gastronomía, música en directo e maxia. Nesta homenaxe dedicada ás empresas e profesionais do mar participarán un total de 22 empresas ou entidades, cos seus correspondentes postos e distintas degustacións, entre as que se inclúen 13 conserveiras, cinco adegas e outras empresas relacionadas coa alimentación e co eido marítimo-pesqueiro. Rosa Quintana desexou que este evento se converta nunha tradición e que siga mostrando en vindeiros anos a todos os visitantes a extraordinaria calidade das conservas galegas.
     

    Galeria de imaxes