Vostede está aquí

Nova

O Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño de Galicia recibe un premio internacional polo seu labor no apoio á conservación e valorización do mar
  • O centro dependente da Consellería do Mar obtivo o recoñecemento Natura Mare, que concede a firma PriceWaterhouseCoopers Portugal no marco dos premios Excellens Mare 2020
  • O xurado destacou o seu labor técnico no control do medio mariño, o seu espírito de cooperación coa comunidade marítima e académica e o seu carácter como referente internacional no apoio á conservación e valorización do medio
  • Estes galardóns teñen periodicidade anual e enxalzan distintos casos de éxito e de referencia no eido marítimo
     

  • Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2020.- O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, recibiu a pasada fin de semana nunha gala celebrada de xeito telemático o Premio Natura Mare, un galardón internacional concedido pola firma PriceWaterhouseCoopers Portugal que recoñece a excelencia e o mérito das persoas ou entidades que actúan a prol da conservación e valorización do medio mariño. O recoñecemento xa fora concedido o pasado mes de marzo pero o acto de entrega non se celebrou ata agora á espera de como evolucionaba a alerta sanitaria polo coronavirus.

    O galardón, outorgado no marco dos premios Excellens Mare 2020, enxalza o labor técnico realizado polo Intecmar no control do medio mariño, o seu espírito de cooperación coa comunidade marítima e académica e o seu carácter como referente internacional no apoio á conservación e valorización do medio mariño. Trátase dun fallo que o xurado realizou tras escoitar a especialistas, asociacións e actores relevantes vencellados co mundo do mar.

    A importancia do galardón queda patente coa participación na gala de representantes de importantes institucións vencelladas co eido do mar, como o científico xefe interino da Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA) de Estados Unidos, Craig McLean, a directora xeral da Política do Mar de Portugal, Helena Vieira, ou o presidente da asociación náutica brasileira Acatmar, Mané Ferrari.

    Os premios Excellens Mare teñen periodicidade anual e contan con sete categorías. Ademais do Natura Mare, o galardón Excellens Mare recoñece a aquelas persoas ou entidades que desempeñan ou desempeñaron un papel fundamental na implantación dunha visión integrada de desenvolvemento económico sustentable das actividades do mar ou con impacto positivo e transversal en sectores importantes na economía do mar. Mentres, o Valoris Mare enxalza o labor en favor da creación de riqueza e valor na economía do mar.

    A eles súmanse o Identitas Mare, que salienta o uso de temáticas do medio mariño como recurso e medio inspirador en producións de arte e cultura así como proxectos que promovan a cultura marítima, e o Navigare Mare, que centra o recoñecemento en iniciativas a prol da mellora da seguridade, de formas de cooperación relevantes entre actores relacionados co mar co obxectivo de desenvolver actividades que aporten valor ou a persoas con moita experiencia no medio acuático e con moitas horas de traballo en embarcacións, plataformas ou estruturas en contacto co medio acuático.

    O premio Athletice Mare, pola súa banda, distingue ás persoas ou entidades que empregan ou promoven o medio mariño como contexto de actividades físicas e deportivas mentres que o galardón Scentia Mare recoñece os avances destacados sobre o coñecemento do medio mariño ou que promovan a innovación azul.

    Ademais do Intecmar, no resto de categorías e na orde citada anteriormente, foron premiados o príncipe Alberto II de Mónaco, a empresa PSA, a Fundaçao Gil Eannes, a Revista de Marinha, o deportista Francisco Lufinha e o instituto de investigación Inesc Tec. Á entrega destes premios engadiuse ademais a concesión de varios diplomas de Revelación Azul que destacan os proxectos de innovación e emprendemento con potencial de desenvolvemento futuro das actividades do mar

    Labor do Intecmar

    O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia iniciou a súa actividade en 1992 como Centro de Control do Medio Mariño de Galicia e realiza labores de control sobre as condicións oceanográficas, o fitoplancto, as biotoxinas mariñas, a contaminación química e os relacionados co eido microbiolóxico.

    O ente dependente da Consellería do Mar tamén traballa no seguimento e control das patoloxías en moluscos bivalvos ao tempo que desempeña funcións relacionadas coa observación do océano e a loita contra a contaminación mariña accidental así como labores de apoio científico e técnico nas emerxencias marítimas.

    O seu principal cometido é dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade da produción de moluscos e outros organismos mariños e contribuír a protexer e mellorar a calidade do medio mariño. Para iso realiza análises anuais e controis diarios sobre os moluscos bivalvos do litoral de Galicia co obxectivo de garantir a seguridade alimentaria.