Vostede está aquí

Nova

A Xunta asesora e avalía a preto de 30 persoas de cara a acreditación das competencias profesionais do oficio de redeiras
  • Este proceso enmárcase na convocatoria deste ano da Consellería de Emprego e Igualdade para o recoñecemento oficial de competencias profesionais adquiridas en diferentes ámbitos profesionais
  • Por primeira vez dúas redeiras forman parte da comisión de avaliación que ten como obxectivo comprobar se as persoas candidatas demostran a competencia profesional requirida pola cualificación profesional

  • Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2020.- A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, dependente da Consellería do Mar, acolleu nos últimos días as probas de avaliación para o recoñecemento das competencias profesionais do oficio de redeiras. Este procedemento, no que participan preto de 30 persoas, ten como obxectivo acreditar a experiencia adquirida na confección e mantemento de artes e aparellos de pesca e enmárcase na convocatoria deste ano da Consellería de Emprego e Igualdade para o recoñecemento oficial de competencias adquiridas en diferentes ámbitos profesionais.

    A fase de avaliación, realizada durante catro días na recentemente inaugurada aula de pesca sostible e responsable da Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira, contou por primeira vez con dúas redeiras entre os integrantes da comisión de avaliación e ten como finalidade comprobar se as persoas candidatas demostran a competencia profesional requirida pola cualificación profesional. Para iso incluíu a simulación de tarefas en situacións reais de traballo, probas de competencia profesional e entrevistas profesionais, entre outras.

    Ademais para a avaliación tense en conta a fase previa de asesoramento que inclúe este proceso na que se facilita información sobre o sistema nacional de cualificacións e as directrices para xustificar a competencia profesional e entrevistas persoais individuais das persoas candidatas.

    Unha vez remate a avaliación, a seguinte e última fase deste procedemento é a expedición por parte da Consellería de Emprego e Igualdade da acreditación das competencias nas que as persoas participantes no proceso demostraron a súa competencia profesional e, no seu caso, a expedición do correspondente certificado de profesionalidade. Esta acreditación terá carácter oficial e validez en todo o territorio do Estado e contribúe ao progreso laboral das persoas dedicadas á confección e mantemento de artes e aparellos de pesca.

    Este procedemento responde a necesidades ou demandas de acreditación, por tratarse dunha actividade regulada por normativas que establecen que por razón de saúde e seguridade, para garantir un bo servizo aos usuarios ou clientes, será requisito imprescindible para desempeñar a ocupación ou profesión posuír un título ou certificado de profesionalidade que acredite a súa cualificación profesional.

    Galeria de imaxes