Vostede está aquí

Nova

A Xunta ofrece o seu apoio ao tecido empresarial para defender os intereses das preto de 5.000 edificacións afectadas en Galicia pola modificación da normativa estatal de costas
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembra que o Executivo galego foi o primeiro en alertar hai máis dun ano da inseguridade xurídica e da incerteza que suporía a reforma para edificacións asentadas no litoral
  • Defende a vixencia da Lei de Costas do ano 2013 e os criterios que introduciu sobre a duración das concesións na zona de dominio público marítimo-terrestre e esixe a retirada do artigo da nova Lei de Cambio Climático que regula este aspecto
  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliña o impacto que terían os cambios previstos polo Goberno sobre o sector vencellado á cadea mar-industria, con máis dun cento de empresas localizadas na primeira franxa litoral

  • A Coruña, 15 de setembro de 2020-. A Xunta de Galicia tendeulle hoxe a man ao tecido empresarial para colaborar e seguir defendendo os intereses de todas aquelas industrias e sectores asentados na franxa litoral da comunidade pola intención do Estado de introducir cambios substanciais na Lei de Costas do ano 2013 e que, segundo as estimacións do Goberno galego, poderían afectar a preto de 5.000 edificacións.

    A unha semana de que finalice o prazo de emendas ao proxecto de Lei de Cambio Climático que modifica a normativa de Costas, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a do Mar, Rosa Quintana, mantiveron unha reunión con representantes das Confederacións de Empresarios da Coruña, Lugo e Pontevedra para analizar o impacto da reforma sobre a vixencia das concesións na zona de dominio público marítimo-terrestre.

    Ao respecto, Vázquez Mejuto lembrou que, hai algo máis dun ano, foi Galicia a primeira comunidade en dar a voz de alarma sobre a modificación do regulamento da Lei de Costas que quería aprobar unilateralmente o Goberno central. Naquel momento, a Xunta alertou de que os cambios previstos afectaban á duración das concesións vixentes sobre terreos localizados na franxa litoral, xeraban inseguridade xurídica e, por tanto, puñan en risco o futuro e a permanencia nas súas actuais localizacións de miles de actividades empresariais e de inmobles destinados a diferentes usos públicos e privados.

    Finalmente, o Goberno deu marcha atrás e aceptou retirar a modificación do regulamento de Costas pero meses despois, como explicou Ángeles Vázquez, retomou o seu obxectivo “ás agachadas” a través da nova Lei de Cambio Climático, nestes momentos en fase de emendas. Por este motivo, a responsable autonómica esixiu a retirada do artigo 18.4 deste proxecto lexislativo, referido á duración das ocupacións da franxa de dominio público.

    “Cremos que non é necesario modificar a Lei de Costas posto que a normativa do ano 2013 xa deixa suficientemente claras estas cuestións”, recalcou a conselleira de Medio Ambiente, quen engadiu que, en caso de promover unha modificación do actual marco legal, a Xunta esixe que se faga “con todas as garantías de transparencia, de diálogo e coa oportuna tramitación” en lugar de tentalo “pola porta de atrás a través doutra normativa diferente”.

    Na mesma liña, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, advertiu que, tal e como está, o actual proxecto de Lei de Cambio Climático que modifica a normativa de Costas pon en risco a máis dun cento de empresas e outras actividades do complexo mar-industria. Neste sentido, a titular de Mar trasladou unha vez máis o apoio da Xunta á cadea mar-industria en favor da seguridade xurídica das empresas e do resto de edificacións públicas asentadas no litoral.

    Finalmente, as dúas conselleiras incidiron en que a modificación en materia de costas que trata de introducir “sen diálogo” o Goberno central está a xerar preocupación e desconfianza entre os posibles afectados. Por iso, insistiron ante os representantes da patronal das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra en que recollerán as súas inquedanzas e defenderán ante o Estado a necesidade de manter esa “seguridade xurídica” que necesitan as empresas e edificacións asentadas no litoral galego, garantindo un escenario normativo “claro e preciso” que permita a súa viabilidade.

    Galeria de imaxes