Vostede está aquí

Nova

Gardacostas requisa preto de 1.200 quilos de distintas especies de peixe e marisco, 150 útiles e 800 metros de artes de enmalle
  • A maior parte do recurso comisado, máis de 1.000 quilos, é centola, froito dos operativos conxuntos desenvolvidos nos últimos días coa Garda Civil con motivo do inicio da campaña de extracción deste crustáceo

  • Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020.- Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 1.200 quilos de distintas especies de peixe e marisco, máis de 150 útiles e 800 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia. A maior parte dos comisos foron devoltos ao mar e preto de 1.000 quilos correspondéronse con centola, coincidindo co inicio da campaña de extracción deste recurso, que comezou o pasado 9 de novembro nas provincias da Coruña e Pontevedra.

    Precisamente, ante a fin da veda deste crustáceo os axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e do Servizo Marítimo da Garda Civil, incluídos efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas, están a desenvolver controis conxuntos polas costas galegas co obxectivo de verificar que se cumpre a normativa relativa á captura desta especie e velar pola protección do recurso.

    Unha das actuacións máis importantes produciuse no porto de Ares, onde os axentes dos dous corpos comisaron arredor de 460 quilos de centola e identificaron a catro embarcacións que tiñan a bordo capturas irregulares. Os exemplares requisados foron devoltos ao mar na zona das Marolas. Os mesmos efectivos realizaron tamén un control na ría de Ferrol, onde comisaron 42 quilos de centola e algo máis de cinco quilos de vieira a unha embarcación de recreo.

    Os axentes tamén realizaron numerosos controis na contorna da ría de Vigo que se saldaron co comiso de máis de 170 quilos de distintas especies e a incautación dunha cacea con 90 nasas. A actuación máis importante produciuse por terra, no porto do Berbés, onde os gardacostas comisaron máis de 126 quilos de centola e preto de 15,5 quilos de nécora extraídos irregularmente e que foron devoltos ao mar.

    A ría de Pontevedra tamén foi obxecto de distintos operativos de loita contra o furtivismo nos que se requisaron máis de 240 quilos de produtos do mar, 92 nasas e un salabardo. O dispositivo máis importante desenvolveuse entre San Vicente e Sanxenxo, co comiso de máis de 70 quilos de centola, 34 quilos de mexillón, 18 quilos de nécora, catro quilos de ameixa xaponesa, catro quilos de ostra, dous quilos de camarón e un quilo de lumbrigante que foran extraídos de xeito ilícito. A el sumouse un control conxunto por estrada dos gardacostas con efectivos do Seprona da Garda Civil que se saldou con preto de 90 quilos de centola requisados a dous vehículos posto que a mercadoría carecía dos documentos que avalasen a súa trazabilidade.

    Na ría de Muros e Noia os controis permitiron comisar algo máis de 150 quilos de distintas especies e incautarse de 56 nasas e máis de 500 metros de artes de enmalle. A actuación de maior relevancia produciuse no mar, en augas entre Muros e Fisterra, na que os axentes requisaron 56 nasas e 500 metros de artes de enmalle que estaban sen identificar así como 21 quilos de centola, cinco quilos de polbo, dous quilos de lumbrigante e dous quilos de raia.

    Na ría de Arousa, pola súa banda, desenvolvéronse distintos operativos que permitiron comisar máis de 70 quilos de distintas especies de peixe e marisco así como a incautación de 300 metros de artes de enmalle e un volantín ilegal.

    Galeria de imaxes