Vostede está aquí

Nova

O sector pesqueiro galego poderá beneficiarse de máis de 1,6 millóns de euros en axudas para poñer en marcha proxectos innovadores
  • Esta cantidade enmárcase na convocatoria de 2021 destas achegas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca que publicará nos vindeiros días o ‘Diario Oficial de Galicia’
  • Poderán optar a estas subvencións os propietarios de buques pesqueiros e as súas organizacións -incluídas as confrarías- que conten coa colaboración dun organismo científico que desenvolva as operacións e valide o seu resultado
  • Serán subvencionables, entre outros, os proxectos innovadores que busquen desenvolver ou introducir produtos e equipos, procesos e técnicas ou sistemas de xestión ou organización novos ou perfeccionados
  • Tamén serán obxecto de axuda as iniciativas que contribúan á eliminación gradual dos descartes e as capturas accesorias e á introdución de técnicas de pesca perfeccionada e de artes máis selectivas

  • Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2021.- A Consellería do Mar pon a disposición do sector pesqueiro máis de 1,6 millóns de euros en axudas para desenvolver proxectos innovadores. Esta cantidade, que se distribúe nas anualidades 2021 e 2022, enmárcase na convocatoria de 2021 destas achegas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), tal e como recolle a orde que publicará o Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días.

    Poderán optar a estes apoios os propietarios de buques pesqueiros e as súas organizacións ou asociacións -incluídas as confrarías de pescadores- que conten coa colaboración dun organismo científico que desenvolva as operacións e valide o seu resultado. Terán a consideración de organismo científico ou técnico os incluídos no rexistro creado ao abeiro do real decreto polo que se regulan os Centros Tecnolóxicos e os Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica. Tamén poderán validar os resultados os Organismos públicos de investigación (OPI) indicados na Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, os recoñecidos pola normativa propia das comunidades autónomas e as universidades públicas e privadas ou entidades do sector público que desenvolvan actividades de I+D+i.

    Esta convocatoria comprende dúas liñas de axuda diferentes. Unha delas é para proxectos innovadores que busquen desenvolver ou introducir produtos e equipos, procesos e técnicas ou sistemas de xestión ou organización novos ou perfeccionados e a ela destínanse 810.000 euros. A outra liña de axudas conta con 800.000 euros e enfócase a operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños que contribúan á eliminación gradual dos descartes e as capturas accesorias e á introdución de técnicas de pesca perfeccionada e de artes máis selectivas.

    Algúns exemplos de accións de colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos susceptibles de poder acollerse a estas achegas son as tecnoloxías para a dixitalización dos datos para a identificación e cuantificación de especies e biomasa descartada e o desenvolvemento de sistemas de clasificación e cuantificación de capturas. Outros exemplos son o desenvolvemento de procesos de valorización dos descartes de pesca que abran novas oportunidades comerciais ou aparellos de pesca innovadores e máis selectivos.

    Con estas subvencións, a Xunta busca impulsar a competitividade e a sustentabilidade medioambiental do sector. Así, a través delas subvencionarase con carácter xeral o 50% dos investimentos que fagan os propietarios de buques pesqueiros e as súas organizacións en proxectos e operacións innovadoras. Esa porcentaxe pode chegar ao 100% cando se trate de proxectos de interese colectivo, cun beneficiario colectivo e con características innovadoras a escala local.