Vostede está aquí

Nova

Luisa Piñeiro celebra unha reunión de traballo coa presidenta da DOP mexillón de Galicia, Lina Solla

Vilagarcía de Arousa, 12 de xaneiro de 2021.- A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, achegouse esta mañá ata a sede social da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia en Vilagarcía de Arousa para celebrar unha reunión de traballo coa súa presidenta, Lina Solla, que foi elixida hai unhas semanas. Deste xeito, a representante autonómica aproveitou para coñecer as instalacións e o funcionamento da DOP e púxose a disposición para, desde o Goberno galego, seguir colaborando nas súas necesidades co obxectivo de seguir medrando a súa actividade.

Luisa Piñeiro garantiu o apoio da Xunta para unha entidade que aglutina a unha parte importante do sector mexilloeiro e destacou o valor “dun produto que xera unha gran riqueza na nosa comunidade e no que, ademais das súas propiedades saudables que o converten nun tesouro do noso mar, somos líderes a nivel mundial polo que debemos seguilo coidando e potenciando entre todos”. Finalmente, louvou a traxectoria empresarial e de xestión e a personalidade e carisma de Lina Solla como avais para o desenvolvemento do seu labor á fronte de Mexillón de Galicia.