Vostede está aquí

Nova

Galicia conta cunha nova ferramenta para mellorar a xestión dos recursos pesqueiros da baixura e acadar unha actividade sostible e rendible
  • O ‘Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia 2000-2018’, presentado hoxe aos representantes do sector, fai unha radiografía da frota de artes menores de Galicia coas 20 modalidades de pesca máis importantes e a súa evolución así como coas especies obxectivo máis relevantes para o sector
  • O documento é o resultado do traballo realizado desde 1999 pola Unidade Técnica de Pesca de Baixura mediante o embarque de observadores nos pesqueiros e a análise dos datos obtidos nunha media de 3.000 lances ao ano
  • A titular de Mar salienta que esta ferramenta contribuirá a tomar mellores decisións na xestión das distintas pesqueiras e a avanzar nun modelo que teña en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais
  • O atlas actualizarase de xeito constante nos vindeiros anos para incluír os datos obtidos desde 2018 ata a actualidade e os que se acaden no futuro

  • Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe a presentación telemática aos representantes do sector do Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018), un documento que, salientou, permite contar cunha foto fixa da realidade das distintas modalidades de pesca de artes menores de Galicia e das súas principais especies obxectivo. Esta ferramenta, engadiu, está a disposición do sector e contribuirá a adoptar as mellores decisións na xestión dos recursos así como a conseguir que a actividade se desenvolva de xeito sustentable e rendible.

    Este estudo a fondo da frota de artes menores -que conta con preto de 4.000 embarcacións- é froito do traballo que desenvolve a Unidade Técnica da Pesca de Baixura (UTPB) desde 1999 mediante o embarque de observadores a bordo dos buques pesqueiros -que rexistran os resultados obtidos polos mariñeiros nas súas xornadas de faena- e a análise dunha media de 3.000 lances anuais, unha información que se suma aos datos de vendas nas lonxas ofrecidos pola Plataforma Tecnolóxica da Pesca. Por iso, o atlas ten o dobre obxectivo de dar conta da actividade da UTPB neses 18 anos e tamén ser unha ferramenta útil para a toma de decisións na xestión dos recursos.

    Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que Galicia aspira a alcanzar un modelo de pesca sostible co que garantir un futuro próspero ás comunidades costeiras e subliñou que este traballo é unha ferramenta máis na busca dese obxectivo. De feito, indicou, contribuirá a mellorar a eficiencia na protección dos hábitats e na conservación dos recursos así como a adoptar mellores medidas na explotación das especies acurtando así a distancia entre as estimacións científicas e as que fai o propio sector.

    O Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018) analiza en profundidade a actividade extractiva da frota de artes menores, as súas características e as vinte principais modalidades de pesca existentes -como os distintos tipos de nasas ou as artes de enmalle, entre outras- así como a súa evolución. A isto súmase a avaliación en detalle das principais especies obxectivo da frota de baixura -un total de 22 entre as que se atopan o polbo, a centola, a nécora, a sardiña, o xurelo, a pescada ou a vieira- a súa presenza nas distintas zonas do litoral de Galicia e a evolución das súas capturas.

    Futuras actualizacións

    Trátase dun traballo inxente, destacou Rosa Quintana, que non remata aí pois nos vindeiros anos o atlas actualizarase de xeito constante cos datos obtidos pola Unidade Técnica de Pesca de Baixura desde 2018 ata a actualidade e non incluídos nesta edición así como os que se acaden no futuro. “Temos que seguir traballando co obxectivo de asegurar a sustentabilidade e a rendibilidade da nosa pesca artesanal e este seguimento da actividade é fundamental”, salientou a representante do Executivo galego.

    A titular de Mar agradeceu o gran labor realizado por todos os profesionais que participaron de xeito directo ou indirecto na elaboración deste documento e lembrou que traballos coma este contribúen a que na toma de decisións sobre as pesqueiras non se teñan en conta unicamente os aspectos medioambientais senón tamén os económicos e sociais, algo que a Xunta vén defendendo nos últimos anos diante das institucións europeas.

    Galeria de imaxes