Vostede está aquí

Nova

A Xunta analiza coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa os retos relacionados coa operatividade do porto
  • Este encontro dá continuidade ao celebrado a principios deste mes cos presidentes das cinco autoridades portuarias de Galicia e ten como obxectivo intercambiar pareceres sobre a operatividade e competitividade do peirao
  • Ademais desta visita a presidenta de Portos de Galicia reuniuse hoxe co alcalde de Vilagarcía e trasladoulle que o ente público elaborará unha proposta para acondicionar a explanada de Vilaxoán
     

  • Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa onde analizou co presidente desta entidade, José Manuel Cores Tourís, a actividade do porto no contexto actual marcado pola alerta sanitaria da covid-19 e os retos relacionados coas dársenas e os espazos portuarios.

    Este encontro dá continuidade ao celebrado a principios deste mes cos presidentes das cinco autoridades portuarias de Galicia -A Coruña, Ferrol-San Cibrao, Marín-Ría de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa- e ten como obxectivo intercambiar pareceres sobre a operatividade e competitividade do peirao.

    Na visita, na que tamén estivo a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, destacaron o valor do movemento de tráficos para dinamizar a actividade portuaria e a economía de Galicia, así como o papel clave dos portos en ámbitos como o comercio exterior.

    Explanada de Vilaxoán

    A este encontro na Autoridade Portuaria súmase a reunión que hoxe mantivo a presidenta de Portos de Galicia co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, na que Susana Lenguas lle trasladou que o ente público dependente da Consellería do Mar elaborará unha proposta para o acondicionamento da parcela da explanada de Vilaxoán.

    A proposta de Portos de Galicia integrará na medida do posible as demandas presentadas pola asociación de veciños que entregou días atrás os planos coas súas peticións para a zona á presidenta de Portos de Galicia, así como as postas de manifesto polo alcalde na reunión desta mañá. Os usos previstos deberán ser compatibles coa cualificación do solo como de uso complementario no documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios vixente en Vilaxoán.

    Finalmente, durante o seu encontro, a presidenta de Portos e o alcalde afondaron na posibilidade de iniciar os trámites para a reversión a Costas e posterior cesión ao Concello de Vilagarcía da zona de xardíns situada na parte traseira do edificio do Intecmar, de titularidade portuaria e uso de integración porto-cidade.