Vostede está aquí

Nova

Rosa Quintana destaca o avance das obras do túnel do acceso ferroviario a Caneliñas, en Ferrol, que encaran as últimas fases
  • Os labores de escavación da última parte deste conduto empezarán en próximos días na zona da Graña na que se prevé escavar uns 850 metros
  • A conselleira do Mar salientou a importancia destas obras que forman parte da conexión ferroviaria ao porto exterior de Ferrol, unha infraestrutura clave para a intermodalidade do peirao
  • A terminal de contedores de Caneliñas ofrece á industria galega conexións con Canarias, Inglaterra, Escocia, Irlanda, Países Baixos, Alemaña, Dinamarca, Finlandia, Polonia, Suecia, Noruega, Rusia e os países bálticos

  • Ferrol, 17 de febreiro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe xunto co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Indalecio Seijo, o porto exterior ferrolán, onde comprobou o transcurso das obras do túnel de máis de 5.500 metros entre A Graña e Caneliñas e que forma parte dos traballos da construción do acceso ferroviario a Caneliñas. Alí a titular de Mar destacou a boa marcha e avance dos labores deste conduto que encararán nas últimas fases en próximos días coa escavación da parte restante na zona da Graña.

    Ata agora escaváronse máis de 4.300 metros desde a fronte do porto exterior. Nesta parte quedan por traballar uns 350 metros máis e desde a zona da Graña uns 850 metros. Neste último tramo, explicou a titular de Mar, segundo consta por parte da Autoridade Portuaria, os traballos previos de preparación están moi avanzados, polo que se prevé que en marzo empecen os labores de perforación do terreo. Ademais desta actuación, a liña de acceso ferroviario inclúe a futura construción dunha ponte duns 400 metros sobre a ría.

    A conselleira salientou a importancia destas obras para seguir adiante co acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol, un dos principais retos da Autoridade Portuaria ao tratarse dunha infraestrutura clave para a conectividade do peirao. Neste sentido, subliñou que este acceso dotará ao porto de plena intermodalidade, o que contribuirá a impulsar a súa operatividade e competitividade. A isto engadiu que esta infraestrutura é un polo de atracción e diversificación de tráficos.

    Durante a visita, na que tamén estivo a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, a conselleira do Mar comprobou ademais o funcionamento da terminal de contedores do porto exterior que empezou a operar no verán de 2018 e que ten tres liñas regulares en marcha. Esta infraestrutura ofrece á industria galega conexións para a exportación e importación con Canarias, Inglaterra, Escocia, Irlanda, Países Baixos, Alemaña, Dinamarca, Finlandia, Polonia, Suecia, Noruega, Rusia e os países bálticos. No ano 2020 moveu preto de 130.000 toneladas de mercadorías e hoxe está previsto que operen nela os portacontedores Allegro e Christina.

    Todas estas dotacións e servizos nos portos de interese xeral do Estado, salientou Rosa Quintana, son fundamentais para que as autoridades portuarias poidan desempeñar o seu labor que é clave no contexto derivado da pandemia da covid-19, pois os portos son ferramentas estratéxicas para a reconstrución económica.

    Galeria de imaxes