Vostede está aquí

Nova

A Xunta salienta a actividade responsable e respectuosa co Medio Ambiente da frota galega amparada pola etiqueta Pescaenverde
  • Este selo de calidade chega xa a 33 confrarías de pescadores de Galicia tras recibir a súa acreditación as de Vilaxoán, Cabo de Cruz, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cedeira e Ferrol
  • A titular de Mar subliña que este tipo de distintivos contribúen a dar valor aos produtos da frota artesanal de Galicia e a facer ver que o seu labor se desenvolve de xeito sustentable, cun baixo impacto no medio
     

  • Rosa Quintana, no acto de entrega de certificación Pescaenverde

    Ribeira (A Coruña), 26 de marzo de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou hoxe a transcendencia de contar cun sector pesqueiro responsable que aposte por unha actividade sustentable e respectuosa co medio ambiente e ao mesmo tempo cunha diferenciación das súas capturas que permita aos consumidores elixilos sendo conscientes de que, ao tempo que os mercan, están a coidar a súa contorna. Iso é o que permite a ecoetiqueta Pescaenverde que, baixo o paraugas da marca pescadeRías, acredita a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético da frota artesanal e que hoxe recibiron as confrarías de pescadores de Vilaxoán, Cabo de Cruz, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cedeira e Ferrol.

    Estas entidades xa estaban certificadas polo selo pescadeRías, de onde senón? e agora poderán incorporar a marca Pescaenverde nas súas etiquetas para acreditar esa actividade pesqueira respectuosa co medio ambiente. Con elas, son xa 33 as confrarías de pescadores de Galicia que contan con este distintivo para darlle valor aos seus produtos facendo ver aos compradores que son capturados cunha baixa pegada de carbono e de xeito eficiente enerxeticamente.

    A titular de Mar salientou que esta ecoetiqueta permite a Galicia “presumir de produtos, de sector e de bo facer” posto que contribúe a engadir valor aos peixes e mariscos comercializados -ao diferencialos como procedentes dunha actividade máis sustentable e eficiente-. Ademais facilita a avaliación dos custes de explotación do sector e a transmisión dos resultados obtidos a toda a cadea de venda, engadiu.

    A representante da Xunta explicou que este selo axuda a que o consumidor identifique os produtos con mellores indicadores ambientais para unha toma de decisións máis sostible así como a loita contra os fraudes na etiquetaxe xerando maiores garantías. “A experiencia de compra é así máis responsable. Nótase na cesta, na mesa e tamén na conciencia ambiental”, afirmou Rosa Quintana.

    A titular de Mar incidiu en que a etiqueta Pescaenverde aporta máis información sobre o impacto ambiental, a confianza que dá unha certificación amparada por unha institución académica de recoñecido prestixio como é a Universidade de Santiago de Compostela e a evidencia de que as especies comercializadas baixo a marca pescadeRías están nos límites aceptables da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxético.

    Por iso, animou ao sector pesqueiro galego a seguir nesta liña de traballo, difundindo os seus produtos baixo o paraugas de garantías ambientais, de calidade e sustentabilidade, para que o conxunto da frota poida mellorar os seus resultados e a súa rendibilidade.

    O selo Pescaenverde

    Esta ecoetiqueta ten o respaldo científico do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) da Universidade de Santiago de Compostela, que deseñou un software para promover o cálculo da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxética adaptada ás características do sector pesqueiro. No ano 2013 a Oficina Española de Patentes e Marcas expediu o título de rexistro da marca Pescaenverde.

    Trátase dun selo que aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medio ambiente ao mesmo tempo que outorga un valor engadido aos produtos que incorporan a marca, impulsando a venda nun mercado cada vez máis competitivo e no que moitos compradores buscan produtos respectuosos co medio.
     

    Galeria de imaxes

    Rosa Quintana, no acto de entrega de certificación Pescaenverde
    Rosa Quintana, no acto de entrega de certificación Pescaenverde
    Rosa Quintana, no acto de entrega de certificación Pescaenverde
    Rosa Quintana, no acto de entrega de certificación Pescaenverde