Vostede está aquí

Nova

A Xunta lamenta a falta de diálogo do Goberno central co sector sobre a Lei de cambio climático e pide transparencia e rigor sobre o seu impacto
  • Rosa Quintana e Ángeles Vázquez analizaron cos representantes do complexo marítimo-pesqueiro galego os informes da Asesoría Xurídica da Xunta e do Consello Consultivo de Galicia que ven inconstitucional o artigo 18.4 do anteproxecto de Lei de cambio climático do Estado
  • O Executivo galego advirte de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica actúa de costas ao sector, co que non se reuniu en máis dun ano, e verte informacións falsas sobre o impacto da normativa e a responsabilidade da Xunta no outorgamento das concesións
  • A titular de Mar lembra que a Administración autonómica só regula unha actividade para a que son preceptivos e vinculantes os informes do Goberno central sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre, polo que non pode actuar sobre algo para o que non existe concesión
  • Galicia seguirá traballando da man do sector na defensa dos seus intereses e co obxectivo de frear unha normativa que pon en risco a máis dun cento de industrias asentadas no litoral e a unhas 5.000 edificacións entre as que se inclúen colexios e centros de saúde
     

  • Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021.- As conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantiveron hoxe un encontro con distintos representantes da cadea mar-industria de Galicia no que constataron a ausencia total de diálogo por parte do Executivo do Estado cos afectados desde que comezou a tramitación do anteproxecto de Lei de cambio climático -hai máis dun ano- e que pon en risco a máis dun cento de instalacións marítimo-pesqueiras situadas no litoral galego.

    Esta xuntanza, celebrada trala petición dos representantes do sector nos últimos días, serviu para analizar diferentes aspectos do anteproxecto de lei impulsado polo Goberno central e abordar o risco que supón para a continuidade de moitas industrias na costa galega ao limitar tanto os prazos de duración das concesións como das súas prórrogas.

    A titular de Mar, que salientou a importancia de traballar da man da cadea mar-industria e de atender de xeito inmediato as súas inquedanzas, lamentou que a Administración central actúe de costas ao sector, sen escoitar as súas demandas, e pediu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que deixe de mentir e enganar aos afectados pois tanto a Asesoría Xurídica da Xunta como o Consello Consultivo de Galicia deixaron ben claro que o artigo 18.4 da Lei de cambio climático é inconstitucional.

    Estes ditames advirten de que o artigo 18.4 ten unha eficacia retroactiva e afectaría tanto aos prazos de duración das concesións e das prórrogas unha vez que a norma entre en vigor como á validez dos actos administrativos ditados ao abeiro da normativa anterior. Este feito, lembrou Rosa Quintana, leva a que o proxecto de lei sexa inconstitucional ao vulnerar o principio de seguridade xurídica recollido no artigo 9.3 da Constitución.

    Ante esta situación, as representantes do Executivo galego denunciaron que o Goberno central está a actuar con mala fe desde o primeiro momento, ao introducir a modificación da normativa de Costas pola porta de atrás, a través de Lei de cambio climático, e vertendo informacións falsas sobre o impacto da normativa e a responsabilidade da Xunta no outorgamento das concesións.

    Neste sentido, a titular de Mar advertiu da incongruencia que supón que a propia ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico admitira no seu momento publicamente que o cambio na normativa afectaría a arredor dunha trintena de industrias asentadas na costa galega e agora asegure que non vai ter ningún impacto no complexo mar-industria de Galicia.

    Na mesma liña, instou ao Goberno central a actuar con transparencia e rigor e pediu que deixe de mentir ao afirmar que a Xunta foi a única que emitiu un informe no que denegaba unha prórroga a un establecemento de acuicultura da comunidade. O Executivo galego, lembrou Rosa Quintana, só regula a actividade que realizan as distintas industrias asentadas no litoral pero é o Estado quen ten que dar un informe preceptivo e vinculante sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre. Polo tanto, se a Administración central di que non se pode renovar unha concesión, dificilmente a Xunta vai poder regular unha actividade que, ao non poder ocupar os terreos nos que está asentada, está condenada a desaparecer.

    As representantes da Xunta trasladaron todo o seu apoio ás distintas asociacións do complexo mar-industria de Galicia e comprometéronse a seguir traballando da súa man co obxectivo de frear a aprobación dunha normativa que pon en risco a continuidade de máis dun cento de industrias asentadas no litoral da comunidade así como o futuro doutras 5.000 edificacións (entre as que se atopan colexios e centros de saúde) situadas en terreos de dominio público marítimo-terrestre.
     

    Galeria de imaxes

    print '

    Video

    ';