Vostede está aquí

Nova

A Xunta salienta o compromiso con Galicia de empresas como Calvo e o seu labor responsable e respectuoso co medio ambiente
  • A titular de Mar subliña que as melloras na habitabilidade que implican as renovacións de frota son fundamentais para impulsar a remuda xeracional no sector e facer máis atractivo o traballo na pesca
  • Rosa Quintana destaca que a construción do atuneiro ‘Monteraiola’ é unha mostra da aposta do grupo Calvo polo tecido empresarial galego así como polo desenvolvemento dunha actividade sustentable en todos os eidos
  • O novo pesqueiro da compañía galega, construído no estaleiro vigués Construcións Navais P. Freire, é unha embarcación de última xeración de 77 metros de eslora e con capacidade para unhas 1.000 toneladas de produtos do mar
     

  • Vigo, 28 de abril de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe o compromiso con Galicia de empresas como Calvo e a súa aposta constante polos profesionais da comunidade, o que contribúe a que sexa unha rexión de referencia mundial no eido da pesca. A titular de Mar destacou especialmente a confianza mostrada na situación actual, coas dificultades económicas derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus, e agradeceu os investimentos realizados para seguir avanzando e desenvolvendo unha actividade responsable e respectuosa co medio ambiente.

    A representante do Executivo galego enxalzou o labor do grupo Calvo durante a visita ao seu novo atuneiro cerqueiro, o Monteraiola, un buque de última xeración de 77 metros de eslora e unhas 1.000 toneladas de capacidade que construíu o estaleiro vigués Construcións Navais P. Freire. Trátase do primeiro buque posto en servizo no marco do plan de renovación da frota desta empresa, que prevé substituír os barcos máis antigos por outros modernos e eficientes garantindo así a súa capacidade de subministración de materia prima de calidade de xeito sustentable.

    Rosa Quintana incidiu en que a renovación da frota implica a instalación das últimas tecnoloxías e tamén melloras na habitabilidade -maior confort e mellores condicións de vida a bordo-, un aspecto que subliñou como clave para impulsar a remuda xeracional facendo máis atractivo o traballo na pesca. Por iso, destacou a necesidade de estender este tipo de melloras a todas as frotas.

    A titular de Mar salientou a importancia da aposta polo social que supón a renovación da frota de Calvo pero tamén o que implica no eido económico así como no medioambiental. O Monteraiola aspira a acadar a certificación Atún Pesca Responsable que avala o cumprimento dos mellores estándares para a pesca de atún de cerco, de xeito responsable e sustentable, o embarque de observadores independentes a bordo e o cumprimento das condicións laborais, sanitarias e de seguridade dos traballadores establecidas tanto na normativa nacional como internacional.

    Empresas galegas

    A construción do Monteraiola realizouse no estaleiro Construcións Navais P. Freire, polo que a titular de Mar tamén agradeceu aos responsables do grupo Calvo o compromiso demostrado co tecido empresarial galego ao darlle carga de traballo ao naval da comunidade e impulsar a economía de Galicia.

    A frota do grupo Calvo está composta na actualidade por 12 embarcacións -sete atuneiros, dous mercantes e tres buques de asistencia- nos que traballan máis de 400 tripulantes. A compañía conta con máis de 4.500 empregados en todo o mundo e vende os seus produtos en arredor de 70 países. Entre os seus obxectivos está ofrecer alimentos saudables e de calidade aos consumidores, apostar constantemente pola innovación nos seus procesos e poñer ás persoas no centro da súa actividade.
     

    Galeria de imaxes

    Videos