Vostede está aquí

Nova

Galicia proba a sustentabilidade da pesqueira da vieira cun estudo sobre o seu impacto ambiental
  • A titular de Mar salientou a importancia deste traballo, froito da colaboración entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela
  • O estudo demostra que a vieira presenta un dos mellores perfís dentro da categoría de mariscos na combinación de aspectos ambientais e nutricionais
  • Trátase dun labor de grande utilidade para avanzar na sustentabilidade do sector pesqueiro galego e contribúe a desenvolver plans de adaptación e medidas de xestión concretas axustadas ás características de cada zona

  • Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 9 de xuño de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación do estudo sobre a avaliación da sustentabilidade ambiental da pesqueira da vieira en Galicia, un traballo que é froito da colaboración mantida entre a Consellería do Mar e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este labor, expuxo a titular de Mar, “é imprescindible para levar a cabo o desenvolvemento sostible e a ordenación integrada deste produto” e demostra que “na combinación de aspectos ambientais e nutricionais, a vieira presenta un dos mellores perfís dentro da categoría de mariscos”.
    En concreto o estudo desenvolve un inventario integral e específico dedicado á captura da vieira realizado coa colaboración de 14 patróns de embarcacións e o xerente da planta de eviscerado do porto de Cambados. Ademais avalía as cargas ambientais derivadas do sistema de procesamento deste recurso, principalmente, os consumos de diésel dos barcos de pesca e o de electricidade na planta de eviscerado.
    Este labor é de grande utilidade para avanzar na sustentabilidade do sector pesqueiro galego e contribúe a desenvolver plans de adaptación e medidas de xestión concretas axustadas ás características de cada zona. En relación á vieira, a titular de Mar sinalou que se trata dunha especie “profundamente ligada ao produto gourmet da cociña galega e un recurso de primeira calidade capturado nun enclave privilexiado como son as rías galegas”.
    Nesta liña, a conselleira subliñou que este tipo de análises contribúen a incrementar a competitividade dos produtos do mar de Galicia e, ao mesmo tempo, a rendibilidade do sector. Por iso apelou a seguir avanzando e a mirar cara a un futuro “que demanda maior avaliación ambiental das diferentes pesqueiras en todo o mundo”.

    Labor froito da colaboración

    A presentación do estudo sobre a avaliación da sustentabilidade ambiental da pesqueira da vieira en Galicia realizouse no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), onde a conselleira estivo acompañada pola directora do centro, Covadonga Salgado.
    O estudo enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Mar e a USC e foi elaborado por cinco membros do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup). Este grupo é tamén o artífice da etiqueta Pescaenverde, que aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medio ambiente e engade valor aos produtos favorecendo a súa venda no mercado.
    A colaboración entre a Xunta e a Universidade de Santiago remóntase a 2017 coa aportación por parte do Executivo galego de preto de 76.000 euros para investigar a sustentabilidade dos procesos dos produtos do mar, a través do cálculo da pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética adaptada á idiosincrasia do sector. Este labor axuda a dar garantías nutrindo de información de calidade ao mercado relacionado co medio costeiro.