Vostede está aquí

Nova

O Centro de Formación A Aixola estende o seu plan formativo con 60 prazas máis en cinco novos cursos
  • O prazo de preinscrición nestas accións formativas xa está aberto e as clases, que son gratuítas e están dirixidas a persoas vencelladas co sector pesqueiro, desenvolveranse entre setembro e decembro de 2021

  • Marín (Pontevedra), 19 de xuño de 2021. O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, vén de poñer en marcha cinco novos cursos cunha oferta de 60 prazas que se impartirán no segundo semestre de 2021 na súa sede do porto de Marín (Pontevedra).
    Esta actividade formativa ten carácter gratuíto e está dirixida a persoas vencelladas co sector pesqueiro, así como a pescadores e mariscadoras, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A preinscrición xa pode facerse a través da páxina web do centro (http://aixola.cetmar.org).
    O programa porase en marcha nos primeiros días de setembro, cando está previsto o inicio das clases dos cursos de Innovación en madeira. Autoconstrución (que comeza o 1 de setembro) e Velaría e acastillaxe (o 9 de setembro) que, cunha duración de 350 horas e 12 prazas cada un deles, se desenvolverán ata o 15 e o 22 de decembro respectivamente.
    En setembro tamén dará comezo o resto dos cursos, como o que permitirá a obtención do certificado profesional en confección e mantemento de artes e aparellos, de 330 horas de duración e que se desenvolverá entre o día 6 de setembro e o 14 de decembro.
    A nova oferta formativa do centro de formación A Aixola completarase neste 2021 con dous cursos de Instalación eléctrica naval en barcos de pequena potencia e Laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval, os dous de 300 horas de duración e con 12 prazas cada un. O primeiro desenvolverase do 20 de setembro ao 17 de decembro e o segundo do 13 de setembro ao 10 de decembro.
    O alumnado destes cursos poderá complementar a súa formación participando nun módulo de carácter voluntario con titorías personalizadas sobre a elaboración de currículos, a busca de emprego a través de internet e a orientación ao autoemprego.
    A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é a aprendizaxe baseada no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía de ensino, centrada no aprendiz e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.