Vostede está aquí

Nova

A Xunta renova as campañas de promoción do consumo de produtos do mar que chegaron a máis de 150.000 escolares galegos
  • A iniciativa ‘Ti si que es un bo peixe’ está dirixida ao público infantil de entre 3 e 14 anos e substitúe a ‘O sabor da aventura está no mar’
  • Con ela a Administración galega segue difundindo dun xeito ameno entre as nenas e nenos coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos e as súas propiedades nutricionais
  • ‘Fai click ao teu bocata’ é a outra campaña que estreou este curso a Consellería do Mar para seguir promovendo o consumo de conservas de produtos do mar entre as nenas e nenos e releva a ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’

  • A Estrada (Pontevedra), 21 de xuño de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de desenvolver iniciativas para impulsar o consumo de peixes e mariscos entre os máis novos. Nesta liña explicou que a Xunta continúa inculcando entre os escolares os beneficios que os produtos do mar teñen para a dieta e este curso vén de adaptar e variar as campañas de promoción que desde o ano 2010 chegaron a máis de 150.000 escolares galegos e que están incluídas no programa Aliméntate ben, da Administración autonómica.
    Así o expuxo hoxe no CEIP do Foxo da Estrada onde, xunto coa directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, acompañou ao alumnado de 6º de primaria no obradoiro de Ti si que es un bo peixe. Esta é unha das iniciativas que renovou a Consellería do Mar, que está destinada ao público infantil de entre 3 e 14 anos e que substitúe a O sabor da aventura está no mar.
    Con esta nova campaña, expuxo Rosa Quintana, a Administración galega segue difundindo dun xeito ameno entre as nenas e nenos coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos e as súas propiedades nutricionais. Este curso, o paso da primeira edición desta iniciativa polos colexios remata no CEIP do Foxo, pero tamén estará presente en campamentos de verán da Xunta e en actividades culturais nas que poidan participar as nenas e nenos aos que está dirixida.
    Para transmitir estes valores entre os escolares, a campaña utiliza unha linguaxe próxima ao público ao que vai dirixida e a música como código de comunicación, pois unha das pezas desta iniciativa é unha canción cunha letra e un ritmo fáciles de memorizar.
    Outro dos elementos protagonistas de Ti si que es un bo peixe é o material didáctico como as siluetas de peixe que serven para que as rapazas e rapaces aprendan a coñecer e diferenciar as distintas especies de peixes e mariscos. Ademais nela tamén está presente a realidade virtual, pois outra das accións que abarca é o visionado con gafas adaptadas dun vídeo relacionado co motivo da campaña.
    A outra iniciativa renovada que estreou este curso a Consellería do Mar é Fai click ao teu bocata, que releva a Ponlle as pilas ao teu bocata. Con ela o Executivo galego continúa promovendo o consumo de conservas de produtos do mar entre o público infantil e a ensinarlle a empregar as conservas como base en receitas sinxelas.

    ‘Ti si que es un bo peixe’

    O obradoiro de ‘Ti si que es un bo peixe’ realizado hoxe no CEIP do Foxo inclúe un vídeo en realidade virtual sobre a temática da campaña e actividades relacionadas co recoñecemento de distintas especies do marisqueo e coa medición dos seus talles mínimos para que aprendan como se realiza e cales son os tamaños mínimos das diferentes especies e a importancia de respectalos.
    Outra actividade que abarca o obradoiro está relacionada co hábitat, a extracción e a comercialización das especies de peixe. Nela os monitores da iniciativa presentan e explican diferentes artes de pesca e as especies que capturan e ensinan como se mide un peixe e os talles mínimos de distintas especies. Tamén amosan como recoñecer a frescura dun peixe e como indentificalo, entre outros aspectos.
    Antes de rematar a xornada, entrégaselle a cada escolar unha bolsa con preparacións realizadas a base de peixe e os monitores realizan unha pequena explicación sobre as súas propiedades nutricionais.
    Todas estas actividades teñen como obxectivo familiarizar ao público infantil cos produtos do mar e co mundo da pesca e do marisqueo e conciencialo sobre a importancia de coidar os recursos mariños, entre outros aspectos.

    Galeria de imaxes