Vostede está aquí

Nova

A Xunta e a Cruz Vermella reforzan o seu traballo conxunto en materia de salvamento e loita contra a contaminación no mar
  • Esta cooperación realízase a través do Servizo de Gardacostas e a ela a Consellería do Mar destina 30.000 euros para as actividades desenvolvidas este ano
  • Esta colaboración tamén se materializa coa cesión de equipamentos como a embarcación da Cruz Vermella que visitou a conselleira e que foi entregada á entidade polo servizo dependente do Executivo galego
  • Ambas partes levan máis dunha década colaborando nesta materia, o que reflicte o compromiso da Xunta coa seguridade no ámbito marítimo-pesqueiro
     

  • A Coruña, 19 de xullo de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta da Cruz Vermella en Galicia, María Carmen Colmeiro, renovaron a colaboración da Administración galega con esta entidade nos eidos do salvamento e loita contra a contaminación no mar. A este convenio de colaboración asinado hoxe a Xunta destina 30.000 euros para sufragar as actividades realizadas ao longo deste ano e que inclúen, entre outras actuacións, operacións de rescate e de busca de desaparecidos no mar.

    A conselleira estivo acompañada no acto polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, pois a colaboración entre as partes materialízase a través deste organismo autonómico. Alí a titular de Mar insistiu en que o Servizo de Gardacostas e, en particular o salvamento no mar e a loita contra a contaminación mariña, son apostas blindadas para a Consellería do Mar e puxo como exemplo desa aposta a colaboración coa Cruz Vermella.

    Esta cooperación inclúe a participación da Asemblea Autonómica de Galicia da Cruz Vermella Española, que conta con estacións e postos de salvamento ao longo das costas galegas, en tarefas de salvamento marítimo e loita contra a contaminación de xeito coordinado coa Consellería do Mar. Para iso pon a disposición os seus medios operativos e á Consellería do Mar correspóndelle coordinar e colaborar coas tarefas que realice coa Cruz Vermella nesta materia.

    A colaboración entre ambas partes tamén se materializa coa cesión de equipamentos como a embarcación da Cruz Vermella que aproveitou para visitar a conselleira e que foi cedida polo Servizo de Gardacostas de Galicia dependente da Consellería do Mar. Trátase da Condesa Pardo Bazán, que cando pertencía á Xunta se denominaba Serra do Galiñeiro. Esta embarcación ten 11 metros de eslora e 3,90 metros de manga, un arqueo de 10,45 TRB e conta con dous motores. Este tipo de cesións, explicou Rosa Quintana, son unha práctica habitual do Executivo galego para o aproveitamento máximo destes medios unha vez que rematan o seu labor ao máis alto nivel para o Servizo de Gardacostas.

    Ademais sinalou que a colaboración do Goberno galego coa Cruz Vermella forma parte do compromiso co salvamento no mar e a loita contra a contaminación mariña, que son apostas blindadas para a Consellería do Mar, especificou. Nesta liña, lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun servizo de gardacostas propio e que este departamento leva máis dunha década de colaboración coa Cruz Vermella no eido mariño en actuacións como exercicios prácticos de rescate, a divulgación entre o sector profesional dos métodos, técnicas e medios utilizados nestes exercicios, en cursos de primeiros auxilios para pescadores e na busca de desaparecidos no mar.

    A Cruz Vermella e o mar

    No ámbito das emerxencias, a Cruz Vermella conta cun programa de salvamento marítimo que ten como obxectivo protexer a vida humana no mar e loitar contra a contaminación mariña. Todo isto realízase de xeito coordinado coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) e a través da colaboración autonómica neste ámbito tanto en materia de prevención como en materia de emerxencias.

    Algunhas das accións que realiza a Cruz Vermella nesta área son a participación en exercicios de adestramento, operacións de busca, salvamento e rescate, servizos de asistencia e remolque de embarcacións e tarefas de apoio en materia de loita contra a contaminación mariña.
     

    Galeria de imaxes