Vostede está aquí

Nova

O alumando da Universidade da Coruña que curse os graos de bioloxía ou bioloxía-química poderá realizar prácticas no Centro de Investigacións Mariñas
  • Os bolseiros da UDC que se acollan a esta iniciativa no centro dependente da Consellería do Mar deberán realizar as actividades previstas no seu proxecto formativo e estarán relacionadas coas mostraxes de recursos mariños, coa identificación de toxinas mariñas e co cultivo de moluscos bivalvos, entre outros aspectos
  • Rosa Quintana destacou que este tipo de iniciativas permiten aos estudantes universitarios incrementar a capacitación e mellorar a formación para o seu posterior acceso ao mundo laboral
  • Esta colaboración terá unha vixencia de catro anos e é unha mostra máis da suma de esforzos entre a Xunta e a UDC para potenciar a investigación e a formación vencellada ao mar coa mirada posta no coidado dos recursos mariños

  • A Coruña, 25 de xullo de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, asinaron esta semana un convenio que permitirá ao alumnado da UDC que curse os graos de bioloxía e bioloxía-química facer prácticas curriculares e extracurriculares no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar. Desta colaboración tamén poderá beneficiarse o alumnado doutras universidades españolas ou estranxeiras que estean realizando estadías de estudo na UDC a través de programas de mobilidade académica ou de convenios bilaterais.
     

    Durante as prácticas, o alumnado deberá realizar as actividades que se acorden entre o persoal do CIMA e o profesorado da UDC dentro do proxecto formativo fixado e unha vez finalizado o período de prácticas deberá elaborar unha memoria final. Pola súa banda, ao rematar a formación, a Consellería do Mar expedirá un certificado acreditativo da realización das prácticas e das súas características para o alumnado.

    Algúns exemplos de actividades que poderán desenvolver os bolseiros sempre que figuren no plan formativo son o deseño de mostraxes vencelladas cos recursos mariños, labores relacionados coa identificación de toxinas mariñas e análise de resultados, así como participar no proceso de cultivo de moluscos bivalvos e na redacción de informes.

    Durante a sinatura, na que a conselleira estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a titular de Mar destacou o valor deste tipo de iniciativas pois grazas a elas os estudantes universitarios incrementan a capacitación e melloran a formación para o acceso ao mundo laboral. Ademais axudan a impulsar e reforzar a relación da administración coa universidade, fundamental para gañar en competitividade dentro do ámbito marítimo-pesqueiro de Galicia.

    En canto ás prácticas curriculares, é dicir, as que están integradas no plan de estudo, levaranse a cabo de conformidade co calendario aprobado para cada curso académico. Pola súa banda as extracurriculares, que son aquelas prácticas que os estudantes poden realizar con carácter voluntario e que non forman parte do plan de estudos, non excederán as 750 horas, sumadas as prácticas curriculares e extracurriculares, e deberán ter unha distribución horaria que permita a dedicación simultánea aos estudos.

    O alumnado en prácticas que se acolla a este programa disporá dunha titoría académica, designada pola Universidade da Coruña, e outra profesional, que será acordada entre a Consellería do Mar e a UDC. Esta colaboración estenderase durante un prazo de catro anos e as partes poderán acordar a súa prórroga.

    Esta colaboración entre a Xunta e a Universidade da Coruña é unha mostra máis dos lazos entre ambas entidades para potenciar a investigación e a formación vencellada ao mar coa mirada posta no coidado dos recursos mariños.