Vostede está aquí

Nova

A Xunta apoia aos Armadores de Vigo na celebración da conferencia do futuro da pesca para avaliar os retos do sector
  • A VIII Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca celebrarase os días 27 e o 28 de setembro de xeito presencial e telemático
  • O Executivo galego destina unha partida económica de preto de 23.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a unha acción que pretende promocionar os peixes e mariscos que captura a frota galega, buscar novos mercados e analizar os retos aos que se enfronta o sector
  • A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica subliña que este tipo de iniciativas son fundamentais para incrementar os prezos dos produtos pesqueiros, o que redunda nos ingresos dos profesionais do mar
     

  • Vigo, 26 de xullo de 2021.- A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, para a potenciación, difusión e promoción dos sectores e produtos pesqueiros galegos co obxectivo de incrementar o coñecemento dos mesmos e a súa competitividade. Este acordo tradúcese na organización e celebración da VIII Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca que se celebrará os días 27 e 28 de setembro de xeito presencial e tamén telemático.
    A colaboración entre o Executivo galego e a principal asociación de armadores da comunidade permitirá coordinar accións de promoción das especies pesqueiras e a prospección de novos mercados mediante un encontro no que participarán os principais distribuidores de peixe e marisco de España. A súa presenza permitirá atraer ao resto de empresas da cadea de subministracións e analizar os retos de futuro aos que se enfronta o sector marítimo-pesqueiro galego e español.

    A representante da Consellería do Mar, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, salientou a importancia de potenciar os produtos da pesca de Galicia así como mellorar a situación socioeconómica dos profesionais do mar mediante accións que contribúan a incrementar o prezo dos peixes e mariscos que capturan, algo que redundará na mellora dos seus ingresos. Nesta liña, destacou o importante labor de encontros como a Conferencia Internacional ARVI, que xa vai pola súa oitava edición, pois permite dar a coñecer as bondades dos produtos do mar de Galicia e analizar os retos que ten ante si o sector e posibles solucións.

    O convenio de colaboración entre as partes conta cunha partida económica de preto de 23.000 euros que realiza a Consellería do Mar e que está cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Ao abeiro do acordo tamén se crea unha comisión de seguimento -integrada por un representante da Consellería do Mar e outro de ARVI- que se encargará de garantir a súa efectividade e de resolver calquera controversia que poida xurdir na aplicación do convenio, que estará vixente desde hoxe ata o 30 de decembro deste ano sen posibilidade de prórroga.
     

    Galeria de imaxes