Vostede está aquí

Nova

A Xunta aproveita o Xacobeo para impulsar o sector náutico na comunidade e o Camiño de Santiago por mar
  • A titular de Mar subliña que a celebración do fito xacobeo tanto este ano como o próximo é unha oportunidade para os portos deportivos pois pode contribuír a que recuperen os niveis de actividade previos á alerta sanitaria polo coronavirus
  • O Executivo galego impulsa esta iniciativa simbólica co obxectivo de que o Camiño de Santiago por mar sexa máis coñecido e gañe adeptos no resto de España e de Europa
  • Algo máis dunha trintena de portos de titularidade autonómica e os portos de titularidade estatal da Coruña e Vigo contan xa co símbolo desta onda

  • Vigo, 30 de xullo de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe no acto de inauguración dunha escultura simbólica que distingue ao peirao de Vigo como parte da iniciativa coa que se quere chamar a atención dos navegantes para promocionar a peregrinación a Santiago por mar. A instalación deste distintivo é froito da decisión da Autoridade Portuaria de Vigo de sumarse á iniciativa lanzada por Portos de Galicia para impulsar a náutica de recreo na comunidade coincidindo co Xacobeo.

    A titular de Mar salientou que a celebración do Xacobeo entre este ano e o próximo é unha oportunidade para os portos deportivos de Galicia pois pode contribuír a que recuperen os niveis de actividade previos á alerta sanitaria polo coronavirus. Neste sentido, a inauguración deste símbolo supón que os visitantes do porto de Vigo coñezan a posibilidade de realizar o Camiño de Santiago por mar, o que facilitará que esta travesía marítima sexa máis coñecida e sume adeptos no resto de España e de Europa.

    A instalación destes indicadores nos portos galegos comezou a principios de xuño coincidindo co inicio da vertente galega da travesía náutica xacobea Navega o Camiño e coa inauguración da onda xacobea do porto de Ribadeo. Na actualidade hai xa preto dunha trintena de peiraos de titularidade autonómica que contan xa con este distintivo e a eles poden sumarse outros de titularidade estatal -como xa fixeron o da Coruña e agora o de Vigo- ou embarcadoiros dependentes dos concellos se así o desexan.

    Por iso, a representante do Executivo galego animou ao resto de entidades portuarias a sumarse a esta iniciativa para impulsar a actividade e os tránsitos na súa contorna e para dar a coñecer os atractivos de realizar o Camiño de Santiago por mar. Rosa Quintana salientou que os portos deportivos galegos contan cunhas instalacións e cuns servizos da máxima calidade, polo que se mostrou convencida de que aqueles que decidan recalar neles, tanto ao abeiro do Xacobeo como pola súa conta, repetirán a experiencia.

    Ao acto de inauguración desta onda simbólica asistiron tamén a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, así como o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña.

    Distintivos

    Estas esculturas -que consisten nun banco con forma de onda fabricado en formigón armado branco e co nome do porto no que se coloca- inclúen unha nota sobre a orixe do peirao e a súa actividade histórica baseada no estudo do investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e doutor de Historia Medieval da Universidade de Vigo Francisco Javier Pérez Rodríguez.

    O deseño destes indicadores, realizados polo arquitecto Lucas Díaz, pretende evocar o perfil costeiro de Galicia, as montañas e os ríos que conflúen no mar ou os propios camiños que entran na comunidade con curvas sinuosas para adaptarse á orografía co obxectivo de que sexa un sinal de identidade do Camiño por mar.