Vostede está aquí

Nova

A Xunta leva ás praias a iniciativa ‘Bye, bye plástico’ para concienciar á cidadanía na loita contra o lixo mariño
  • A Administración galega renovou esta iniciativa para seguir inculcando na sociedade, principalmente nos máis novos, a importancia de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos e de evitar que acaben en lugares coma o mar
  • Estará presente noutros areais de Galicia durante o mes de agosto cun posto no que se repartirán bolsas para a recollida de residuos plásticos e desde o que se animará á xente a desfacerse deles dun xeito responsable
  • O Goberno galego busca con este tipo de actividades realizar un labor de sensibilización máis lúdico sobre a necesidade de eliminar o plástico, de reducir o seu consumo e do impacto que ten no medio ambiente
  • Coa aprobación da nova Lei de residuos en marzo, Galicia converteuse nun referente na loita contra o plástico, adiantándose ao Goberno central e a Europa

  • Vilanova de Arousa (Pontevedra), 30 de xullo de 2021.- A Xunta impulsa a concienciación sobre o uso responsable dos plásticos e a loita contra o lixo mariño coa renovación da campaña Bye, bye plástico, que naceu no 2020 con ese obxectivo. A través deste cambio que inclúe accións de verán en distintos areais galegos, en redes sociais, e a creación dun personaxe, entre outras, o Executivo galego busca inculcar na sociedade, principalmente nos máis novos e dun xeito máis lúdico, a importancia de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos.

    Así o explicaron hoxe en Vilanova de Arousa a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizaron a unha das accións desta campaña que hoxe se está a desenvolver na praia do Terrón. Esta acción continuará noutros areais de Galicia durante o mes de agosto e ten como obxectivo concienciar aos asistentes da relevancia de manter unha actitude responsable para reducir os residuos.

    Consiste na instalación dun posto desde o que se animará á xente a desfacerse dos plásticos de xeito responsable. Para iso repartiranse bolsas da campaña coa finalidade de que as persoas garden os refugallos plásticos xerados durante a xornada e así visibilizar a cantidade de plástico xerada ou que axuden ao coidado do espazo enchendo a bolsa dos plásticos que atopen.

    Ademais no posto haberá unha ruleta con escenas de diferentes poses relacionadas co surf que servirá como reclamo para as persoas e para que quen o desexe utilice a ruleta e replique a pose que lle toque nunha plataforma que imita a unha táboa de surf.

    Con este tipo de accións, explicou Rosa Quintana, desde a Administración galega buscamos transmitirlles á sociedade que reducir o uso do plástico e evitar que acabe en lugares coma o mar é un cometido de toda a cidadanía. Unha parte moi importante, expuxo a titular de Mar, é a poboación máis nova sobre a que facemos fincapé con esta iniciativa, pois as mozas e mozos son o futuro.

    Pola súa banda a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destacou que o Goberno galego se marcou como obxectivo poñer coto ao plástico e apostar por materiais máis sostibles. Ese foi un dos principios inspiradores da nova Lei de residuos, que entrou en vigor en marzo deste ano, e coa que Galicia se situou como referente e á vangarda na loita contra o plástico; adiantándose ao Goberno central, que aínda non ten aprobado a súa Lei de residuos, e á Unión Europea, que fixou a prohibición da venda de vaixelas de plástico desde o 3 de xullo.

    En todo caso, Ángeles Vázquez indicou que as cifras de reciclaxe de envases lixeiros e plásticos son un motivo para seguir traballando na mellora das condutas das persoas. Sobre isto, lembrou que cada galego reciclou unha media de 14,6 quilos.

    Outras accións

    Outras novidades de Bye bye plástico desde maio deste ano é o incremento da súa presenza nas redes sociais, pois ademais de contar con páxina de Facebook e perfil de Twitter e Instagram agora a campaña tamén está en Tik Tok, co obxectivo de ofrecer un contido informativo ameno e tamén de entretemento.

    Ademais a iniciativa adquire maior personalidade grazas á figura de Plástico unha botella animada que a través das diferentes canles da campaña proporciona consellos relacionados co medio ambiente e coa reciclaxe e mensaxes de concienciación. Estas mensaxes poderán verse, por exemplo, en vídeos sobre viaxes de Plástico nos que este personaxe destaca e pon en valor a flora e a fauna da contorna e a importancia de coidalas. Nas redes sociais tamén se aportan aos usuarios ideas de manualidades coas que promover a reciclaxe de plástico.

    Bye, bye plástico tamén busca a participación dos centros educativos de Galicia e con ese fin animaraos a participar nun filme escolar colaborativo cun guión no que cada centro participante poderá xerar a súa parte. Esta iniciativa anunciarase a través das redes sociais e diferentes canles da campaña.

    Todas estas actividades pretenden realizar unha concienciación máis lúdica sobre a necesidade de eliminar o plástico, de reducir o seu consumo e do impacto que ten no medio ambiente. Ademais a campaña trata de chegar a un publico máis novo cunha linguaxe máis directa e con contidos gráficos adaptados ás redes sociais nas que está presente. Con esta renovación da campaña a finalidade é seguir contribuíndo a frear datos preocupantes como que cada ano acaban nos océanos do planeta nove millóns de toneladas de residuos plásticos e deles un 80% proceden de terra.

    Galeria de imaxes

    Videos