Vostede está aquí

Nova

A Xunta agradece ao sector pesqueiro e marisqueiro o seu labor como aliado na loita contra o lixo mariño
  • O Executivo galego aprobou este ano oito proxectos por importe de 345.000 euros que inclúen accións neste eido coa participación na recollida activa de refugallos de preto de 40 profesionais do marisqueo a pé e cinco embarcacións
  • A titular de Mar salienta a especial implicación da confraría de Noia neste traballo pois co proxecto Econoia I retirou entre 2021 e 2021 preto de 45 toneladas de lixo mariño do seu litoral coa participación de arredor de 200 mariscadoras e mariscadores
  • Rosa Quintana lembra que Galicia leva máis dunha década traballando neste ámbito a través do Plan Marlimpo e de proxectos como o CleanAtlantic ou a campaña Bye, bye plástico, o que levou a que fose recoñecida polo Parlamento Europeo como exemplo de boas prácticas

  • Outes (A Coruña), 3 de agosto de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración da exposición Arte da mar, onde salientou o importante labor desenvolvido polo sector pesqueiro e marisqueiro galego na loita contra o lixo mariño. A titular de Mar lembrou que os profesionais do mar están a participar activamente desde hai anos en proxectos como Econoia II -no que se encadra esta exposición de obras realizadas a partir de residuos recollidos no litoral- para a retirada dos refugallos atopados na costa e para concienciar á cidadanía da importancia de loitar contra este problema.

    A representante do Executivo galego enxalzou especialmente o traballo realizado pola confraría de pescadores de Noia, promotora dos proxectos Econoia I -desenvolvido entre 2021 e 2021- e Econoia II -para este ano e o próximo- que contaron cunha axuda pública de preto de 400.000 euros para compensar distintas accións de loita contra o lixo mariño entre as que se encontran xornadas de recollida activa de residuos nas que participan arredor de 200 profesionais do marisqueo a pé.

    De feito, o proxecto Econoia foi tanto o ano pasado coma este a iniciativa máis importante aprobada no marco da convocatoria de axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños. Este ano a Consellería do Mar aprobou un total de oito proxectos por importe de preto de 345.000 euros -a distribuír nos anos 2021 e 2022- e ao Econoia II correspondéronlle preto de 200.000 euros. Ademais, esas accións inclúen a recollida activa de lixo por parte de 383 profesionais do marisqueo a pé e cinco embarcacións e a confraría de Noia aporta máis de 200 desas 383 mariscadoras e mariscadores.

    A titular de Mar lembrou que Galicia leva máis dunha década traballando na loita contra o lixo mariño a través do Plan Marlimpo e mediante outros proxectos como o CleanAtlantic ou a campaña de sensibilización Bye, bye plástico e animou aos profesionais do mar a seguir cun labor que conta co recoñecemento das institucións europeas.

    Rosa Quintana destacou que a comunidade e o sector pesqueiro son un exemplo de traballo conxunto e de boas prácticas neste eido, tal e como destacou o propio Parlamento Europeo o pasado mes de marzo. “Un recoñecemento ao máis alto nivel para os promotores destas accións e especialmente a todos e cada un dos traballadores do mar como aliados esenciais en garantir a sustentabilidade dos nosos recursos”, indicou a conselleira do Mar.

    De feito, engadiu, ese traballo conxunto mediante a cogobernaza e a coxestión dos recursos mariños impregna todo o sector marisqueiro galego, como mostran a aprobación dos preto dun cento de plans de xestión de marisqueo de recursos xerais incluídos no Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023 e aos que se suman os plans de xestión de recursos específicos.

    A mostra

    A exposición Arte da mar está incluída no proxecto Econoia II da confraría de pescadores de Noia e está promovida polas entidades Mar de Fábula, Alivavá e Mar de Noia. Esta mostra está composta por diferentes creacións realizadas a partir dos materiais atopados nos bancos marisqueiros durante as xornadas de recollida de lixo mariño de Econoia I e pensadas para concienciar á cidadanía sobre o dano que pode xerar o lixo no medio mariño.

    Esta exposición chega ao Concello de Outes tras pasar por Noia e é unha pequena mostra do importante traballo de limpeza realizado a través do proxecto Econoia I, no que participaron preto de 200 profesionais mediante a recollida de preto de 45 toneladas de residuos de distintos tipos.

    Galeria de imaxes