Vostede está aquí

Nova

Galicia investiu desde 2016 máis de 10 millóns de euros en 330 proxectos para equipar e modernizar os portos, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar
  • A Xunta vai publicar esta semana unha nova convocatoria de axudas para actuacións de mellora das instalacións e equipamentos portuarios destinadas a organizacións de produtores de pesca, cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras a pé ou de redeiras e confrarías de pescadores
  • Estas achegas, que contan cun orzamento de 800.000 euros a repartir entre 2021 e 2022, son para obras de mellora da eficiencia enerxética dos inmobles, a protección do medio ambiente, optimizar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras, incrementar a calidade e a trazabilidade dos produtos desembarcados e modernizar as infraestruturas portuarias mediante melloras nos edificios
  • A conselleira do Mar salienta que equipamentos como o carro varadoiro adquirido pola confraría de pescadores de Fisterra contribúen a mellorar a operatividade dos peiraos e a facilitar o traballo dos profesionais do mar

  • Fisterra (A Coruña), 10 de agosto de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe o porto de Fisterra para comprobar as melloras introducidas nos seus equipamentos nos últimos tempos e informar das axudas que ten o sector á súa disposición para seguir avanzando neste eido. A titular de Mar lembrou que o Executivo galego aprobou este ano 55 proxectos presentados polas confrarías de pescadores para modernizar os portos, lonxas e lugares de desembarque cun orzamento total de máis de 2,5 millóns de euros e que, con eles, a Xunta leva investidos desde 2016 máis de 10 millóns de euros en achegas para máis de 330 actuacións deste tipo.

    Rosa Quintana destacou que esta estratexia ten demostrado a súa eficacia e incidiu na importancia de continuar traballando nesta liña. Por iso, indicou, a Administración galega vai publicar esta mesma semana unha nova convocatoria de axudas para proxectos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda dos produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque que contará cun orzamento de 800.000 euros a repartir entre 2021 e 2022.

    Trátase dunha convocatoria que se realiza por primeira vez e que está dirixida ás organizacións de produtores da pesca (OPP), cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras a pé, asociacións profesionais de redeiras e confrarías de pescadores. No caso das confrarías, só serán subvencionables aqueles proxectos que inclúan investimentos diferentes aos abordados en convocatorias de axudas anteriores.

    Ao igual que nas achegas xa resoltas, os proxectos subvencionables poden selo ao 100% e deben ter entre os seus obxectivos mellorar a eficiencia enerxética das instalacións -modernizando os sistemas de iluminación- ou incorporar equipamentos que contribúan á protección do medio ambiente -proxectos de enerxía fotovoltaica nas instalacións destinados ao autoconsumo-.

    Entre as finalidades das actuacións tamén está a mellora da seguridade e das condicións de traballo das persoas pescadoras -coa adquisición de equipamentos de movemento de cargas como carretillas, empilladores ou transpaletas-, o incremento da calidade, do control e da trazabilidade dos produtos desembarcados -mediante a compra de colectores isotermos, equipamentos de pesada ou casetas desmontables para puntos de control da actividade marisqueira- e a modernización de infraestruturas portuarias pesqueiras mediante obras para crear novos espazos nos inmobles, adaptar os chans ou mellorar o seu illamento, entre outras.

    Investimentos en Fisterra

    Precisamente, o porto de Fisterra beneficiouse nos últimos anos de varias axudas deste tipo entre as que destaca a adquisición dun carro varadoiro automotor somerxible. A adquisición deste equipamento, explicou a conselleira do Mar, supuxo un investimento de preto de 280.000 euros e mellorou considerablemente a operatividade do porto ao permitir a varada en terra de ata quince embarcacións á vez, cando antes de contar con este dispositivo só se podían varar de unha en unha. Trátase de investimentos, engadiu, que contribúen a impulsar a competitividade dos peiraos e a facilitar o traballo dos profesionais do mar.

    A representante do Executivo galego tamén aproveitou a visita para comprobar o estado dos traballos de mellora dos pantaláns de Fisterra, unha actuación que Portos de Galicia licitou de forma conxunta con outras sete doutros peiraos da provincia da Coruña. Neste caso as obras, que contan cun orzamento de 288.000 euros, céntranse na substitución de elementos de madeira e na reparación e renovación dos pavimentos co obxectivo de reducir o risco de esvaróns e mellorar os elementos auxiliares dos pantaláns.

    A titular de Mar mantivo ademais un encontro cos representantes da confraría de pescadores local co obxectivo de avaliar as necesidades máis urxentes do sector. Ao mesmo tempo analizaron a evolución da actividade marítimo-pesqueira do porto nos últimos meses e o impacto da alerta sanitaria polo coronavirus.

    Galeria de imaxes