Vostede está aquí

Nova

Galicia loce na rúa a calidade das conservas de produtos do mar e o apoio a este sector coa iniciativa ‘Cata a Lata’
  • Esta iniciativa percorrerá 16 localidades entre este mes e outubro a través dunha food truck que estará estacionada no aparcadoiro de establecementos de Vegalsa-Eroski
  • Rosa Quintana sinalou que esta acción atraerá a atención dos consumidores e aumentará as vendas dos enlatados de peixes e mariscos ao tempo que difunde as súas propiedades nutritivas

  • Vilanova de Arousa (Pontevedra), 11 de setembro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o tirón da industria conserveira de produtos do mar durante a pandemia. Un auxe, subliñou, que é unha realidade “grazas ao esforzo do seu colectivo humano” e que sitúa a Galicia como principal produtora da industria conserveira nacional. Este potencial, explicou, é apoiado polo Goberno galego con diferentes accións entre as que se inclúe a campaña Cata a Lata, coa que este mes e en outubro Vegalsa-Eroski en colaboración con Anfaco-Cecopesca e a Xunta difundirá en 16 localidades galegas a versatilidade gastronómica das conservas autóctonas de peixes e mariscos a través dunha food truck.

    Así o resaltou en Vilanova de Arousa durante a presentación desta iniciativa, onde tamén indicou que Cata a Lata “persegue dar a coñecer a calidade, a orixe e a variedade dos produtos do mar”. Con ese fin, engadiu, “atraerá a atención dos consumidores, aumentará as vendas das conservas e mellorará a imaxe da marca Galicia, especialmente a das empresas conserveiras participantes”.

    Ademais Rosa Quintana destacou o alto valor formativo e divulgativo desta campaña, pois tamén difunde as propiedades nutritivas das conservas de produtos do mar. Nesta liña, a titular de Mar fixo fincapé na necesidade de valorizar as bondades dos alimentos do mar “como elementos clave dunha alimentación saudable”.

    Un exemplo desa posta en valor é o I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica, DIETLÁNTICA, que se celebrará os próximos luns e martes. Este encontro “terá como protagonistas aos peixes, mariscos e algas e por voceiros das súas virtudes a persoeiros dos ámbitos da sanidade, da gastronomía e da investigación aplicada”, explicou Rosa Quintana.

    Ao mesmo tempo a conselleira subliñou a importancia de que a Administración, os científicos e o sector vaian da man na difusión do potencial dos produtos do mar de Galicia coa finalidade de que teñan “o recoñecemento que se merecen”. Nesta liña, agradeceu o traballo da compañía de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski e de Anfaco-Cecopesca en Cata la Lata para promover o recoñecemento das conservas de peixes e mariscos e desta industria.

    Outros apoios a este sector que destacou Rosa Quintana son os máis de 26 millóns de euros que o Executivo galego puxo a disposición das empresas de transformación de produtos do mar a través das convocatorias de axudas deste ano cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

    Cata a Lata

    Cata a Lata promocionará as conservas de peixe e marisco nunha food truck que pasará por 16 localidades galegas nos meses de setembro e outubro. O vehículo estará estacionado no aparcadoiro de establecementos de Vegalsa-Eroski. Pola compra de calquera produto das marcas participantes na campaña, os clientes poderán degustar de balde receitas que terán como ingrediente principal conservas de atún claro, bonito, zamburiñas, calamares, xoubas, mexillóns e ventresca.

    Os proveedores de conservas que participan nesta iniciativa son Calvo, Isabel, Cuca, Rianxeira, Friscos, Pescamar, Orbe, Gálica e Ribeira. Os establecementos de Vegalsa-Eroski que este mes acollen a food truck nos seus aparcadoiros son: Autoservicios Familia de Ribadumia (7 e 8 de setembro), o Eroski Center de Vilanova de Arousa (10 e 11 de setembro), o Eroski Center de Vilagarcía de Arousa (14 e 15 de setembro), o Autoservicios Familia de Sigüeiro (17 e 18 de setembro), o Autoservicios Familia de Santa Comba (21 e 22 de setembro), o Eroski Center de Teo (24 e 25 de setembro) e o hipermercado Eroski de Noia (28 e 29 de setembro).

    No mes de outubro, a food truck estará no hipermercado Eroski de Ribadeo (días 1 e 2), no Eroski Center de Burela (días 5 e 6), no Autoservicios Familia de Melide (días 8 e 9), no Eroski Center de Betanzos (días 11 e 13), no Eroski Center de Mos (días 15 e 16), no Autoservicios Familia de San Andrés de Vigo (días 19 e 20), no Eroski Center Veintiuno de Ourense (días 22 e 23), no Autoservicios Familia da Estrada (días 26 e 27) e no Eroski Center de Sarria (días 29 e 30).

    Galeria de imaxes