Vostede está aquí

Nova

A Xunta destaca a importancia do aproveitamento e valorización da cuncha de mexillón
  • Mercedes Rodríguez salientou a oportunidade que representan os fondos Next Generation para promover proxectos relacionados con usos da cuncha deste molusco bivalvo e sinalou que hai propostas sobre o seu emprego na elaboración de fertilizante

  • Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 24 de setembro de 2021.- A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, puxo en valor os traballos que se están a facer en Galicia para o aproveitamento e valorización da cuncha de mexillón. Un avance, subliñou, no que teñen moito que ver os fondos Next Generation para os que o sector empresarial galego realizou propostas relacionadas co uso da cuncha deste molusco bivalvo para o seu aproveitamento como fertilizante.

    Así o destacou a directora xeral na clausura da Xornada Anual da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), centrada este ano na valorización de subprodutos. Alí tamén fixo fincapé no valor de “facer da necesidade virtude desde a perspectiva da economía circular”.

    Nesta liña, agradeceu a Opmega que dedicase a xornada de hoxe a este tema reunindo a investigadores e a profesionais vencellados ao sector para analizar a importancia da valorización da cuncha de mexillón. Esta actividade que se enmarca no Plan de Producción e Comercialización de Opmega, explicou Mercedes Rodríguez, “encaixa nos obxectivos que ten que asumir unha organización de produtores coma esta pois promove a sustentabilidade ambiental da actividade”.

    Ademais, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, destacou a necesidade de iniciativas coma esta para “afrontar todo o que xira arredor do sector do mexillón” de grande importancia na economía de Galicia e que conta cunha produción media de 250.000 toneladas anuais. Neste sentido, lembrou que arredor da produción deste recurso xiran outros compoñentes da cadea mar-industria como depuradoras, cocedoiros e industrias de transformación.