Vostede está aquí

Nova

A Xunta anima ás empresas galegas do sector do mar a apostar pola busca de novos mercados para impulsar a recuperación económica trala pandemia da covid-19
  • O Executivo galego lembra que a Galicia pesqueira foi capaz de repensar os seus modelos de negocio, mellorar a resposta ás demandas do mercado e fortalecer a resiliencia dos seus mercados durante a alerta sanitaria
  • A conselleira do Mar salienta a importancia de que o sector siga apostando polo comercio exterior para diversificar a súa actividade e gañar en competitividade

  • A Coruña, 6 de outubro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, animou hoxe as empresas galegas, especialmente ás do sector do mar, a apostar pola internacionalización e a busca de novos mercados para contribuír á recuperación económica tralas dificultades derivadas da alerta sanitaria e que Galicia teña un papel clave na mellora da actividade no conxunto de España.
    A titular de Mar lembrou durante a inauguración da VIII edición da feira Exporpymes que o sector marítimo-pesqueiro foi un exemplo de saber facer durante a pandemia soportando mellor ca outros as tensións produtivas e comerciais derivadas da covid-19. Neste sentido, incidiu en que a Galicia pesqueira foi capaz de repensar os seus modelos de negocio, mellorar a resposta ás demandas do mercado e fortalecer a resiliencia dos seus mercados.
    Non obstante, Rosa Quintana expuxo a necesidade de que as empresas sigan apostando polo comercio exterior para diversificar a súa actividade e gañar en competitividade, a receita que permitiu que o complexo mar-industria galego acadase varios fitos nos últimos anos. As exportacións de produtos do mar superaron as 600.000 toneladas en 2020, cun aumento do 27% na última década, mentres que a facturación derivada desas vendas está por riba dos 2.200 millóns de euros, cunha repunta do 70% no último decenio.
    Ese bo dato nos ingresos, salientou, vén avalado polo bo facer do sector e a mellora constante do valor engadido dos seus produtos, que aumentou case un 40% nos últimos 10 anos. Por iso, a representante da Xunta reiterou o apoio do Executivo galego ás empresas galegas do sector do mar como xa fixo o ano pasado coa posta en marcha do Plan de Reactivación Marítimo-Pesqueiro de Galicia, Avantemar, que puxo a disposición do complexo mar-industria da comunidade 77 de millóns de euros.
    A ese apoio adicional derivado da pandemia, lembrou a conselleira, engádense as axudas que anualmente destina a Xunta ás pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar, que desde 2016 recibiron arredor de 57 millóns de euros. Eses apoios permitiron o investimento de 131 millóns de euros por parte das 230 empresas beneficiadas.
    Nesta liña, a titular de Mar lembrou a importancia de que as empresas galegas sigan apostando pola exportación para diversificar o seu negocio e salientou que Exporpymes é un evento de referencia para aquelas firmas que queren buscar novos mercados e avanzar na súa expansión internacional, especialmente trala pandemia. Ademais subliñou que esta feira é unha mostra máis de que Galicia non só ten intención de participar na reactivación da economía española tralas dificultades do último ano e medio senón que quere ser unha peza chave nese proceso.

    Exporpymes

    A VIII edición deste evento empresarial organizado pola Cámara de Comercio da Coruña celébrase entre hoxe e mañá en dobre formato, presencial na xornada de hoxe e telemático na de mañá. O obxectivo do evento -que conta co apoio da Xunta a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Consellería do Mar- é achegar as empresas galegas a outros mercados mediante o contacto con empresas doutros países e expertos internacionais.
    Na edición deste ano participan preto de 150 empresas importadoras e exportadoras de 30 nacionalidades pertencentes aos sectores da alimentación, bebidas, materiais de construción, maquinaria e náutica. Na feira presencial de hoxe os asistentes poden manter entrevistas individuais con outros profesionais presentes no encontro, asistir a relatorios sobre internacionalización e resolver as dúbidas que teñan sobre comercio exterior. Na xornada de mañá os empresarios galegos e estranxeiros poderán manter entrevistas individuais sobre os seus produtos a través dunha plataforma virtual.