Vostede está aquí

Nova

A Xunta promocionará os produtos galegos do agro e do mar na 34ª edición do Salón Gourmets de Madrid
  • Un total de 61 empresas galegas participarán nesta nova edición do principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía
  • A conselleira do Mar visitará a feira o próximo mércores para apoiar ás empresas do ámbito marítimo-pesqueiro que asisten ao evento, no que a Consellería conta espazo de 378 m2 que albergará a 24 firmas da cadea mar-industria

  • Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia, a través das consellerías do Mar e do Medio Rural, apoiará ás empresas galegas do agro e do mar que participan na 34ª edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, Gourmets, que se celebrará do 18 ao 21 de outubro en Madrid.

    Así, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitará a feira o próximo mércores 20 de outubro, para apoiar tamén ás empresas galegas do ámbito marítimo-pesqueiro que asisten a este evento. Alí a Consellería do Mar contará cun espazo de 378 m2 de superficie no que acollerá a 24 empresas da cadea mar-industria e que dispón dunha aula de degustacións na que se amosarán os beneficios dos produtos do mar de Galicia como os procedentes da pesca artesanal e amparados polo selo de calidade pescadeRías. Tamén se promocionarán a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, as conservas de peixes e mariscos e os produtos do mar ecolóxicos e de organizacións de produtores, entre outros.

    Esta difusión realizarase baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de consumir os produtos do mar e na gran variedade de peixes e mariscos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición da cidadanía. Este labor de promoción da calidade e dos recursos do mar galego tamén se realiza a través do espazo dedicado ao ámbito marítimo-pesqueiro que conta con elementos e estruturas que recrean motivos relacionados co mundo do mar e dos peiraos.

    Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- participará cun posto de 414 m² de superficie onde acollerá un total de 37 empresas agroalimentarias. Así, 15 expositores serán de adegas e outros 22 de representantes do sector do viño, carne, queixo, mel, produtos transformados e repostería, entre outros. Nos diferentes espazos daranse a coñecer estes produtos coa celebración de diversas catas e degustacións. Tamén estarán presentes diferentes consellos reguladores. Ademais, o director da Agacal, José Luis Cabarcos, participará na feira o vindeiro luns, 18 de outubro, para apoiar coa súa presenza ás empresas participantes.

    Salón Gourmets

    O Salón Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía. Esta edición contará con máis de 1.500 empresas expositoras que promocionarán máis de 37.000 produtos. Con máis de 800 actividades programadas, agárdase a chegada de máis de 70.000 visitantes a este espazo de 47.000 m².