Vostede está aquí

Nova

A Xunta apoia aos mariscadores do Burgo nas súas demandas e lembra que é o Goberno central como promotor da dragaxe quen debe executar as compensacións
  • O Executivo galego censura o inmobilismo e as reticencias da Administración estatal a facerse cargo das indemnizacións aos profesionais do marisqueo malia ser a súa competencia exclusiva, tal como acredita un informe independente elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela
  • A conselleira do Mar subliña que o Executivo do Estado incluíu no proxecto de dragaxe algunhas melloras propostas polos concellos durante a fase de alegacións que elevan o seu custo en dous millóns de euros e que debería ter previstas tamén as compensacións para as mariscadoras e mariscadores
  • Rosa Quintana reitera a vontade de colaboración da Administración autonómica para buscar unha solución que evite prexuízos ao sector e recorda que xa en xaneiro de 2019, malia non ser competencia súa, presentou unha proposta de plan social no que participasen todas as administracións implicadas

  • A Coruña, 19 de outubro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lembrou hoxe que o Goberno central é o promotor da dragaxe da ría do Burgo e, como tal, tamén é o responsable de facer fronte ás indemnizacións correspondentes pola inactividade do sector marisqueiro mentres duren os traballos no esteiro coruñés. Durante a reunión convocada pola confraría de pescadores da Coruña co conxunto de administracións afectadas por esta actuación, a representante do Executivo galego incidiu en que a Administración estatal debe abandonar o inmobilismo, cumprir coas súas obrigas e facerse cargo das compensacións para os profesionais afectados polas obras.
    A titular de Mar lembrou que se trata dun asunto que o Goberno autonómico xa trasladou en varias ocasións e que foi acreditado por un informe independente elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) que cualifica o proxecto como de interese xeral e de competencia estatal, polo que corresponde ao Estado afrontar o pago das correspondentes indemnizacións.
    Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que o procedemento a seguir é o mesmo que en calquera outra actuación e puxo como exemplo as obras realizadas pola Xunta na variante de Noia. Nese caso, incidiu, foi a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a que asumiu as indemnizacións aos afectados pois era a Administración promotora da obra.
    A titular de Mar subliñou ademais que, ao igual que o Goberno central incluíu no proxecto de dragaxe melloras propostas polos concellos durante a fase de alegacións -que supuxeron un incremento de dous millóns de euros no custo da obra e centradas en investimentos de orde urbana nos paseos marítimos-, tamén debería prever as compensacións correspondentes para os profesionais do marisqueo que se ven prexudicados pola paralización da súa actividade durante a execución dos traballos.

    Colaboración

    A conselleira do Mar censurou o inmobilismo do Goberno central e as súas reticencias a asumir a súa responsabilidade nun asunto que o Executivo galego considera prioritario e de especial importancia para que os profesionais do sector non se vexan prexudicados ao non poder faenar mentres duren os traballos.
    Neste sentido, a representante da Xunta de Galicia destacou que a Administración autonómica trasladou en todo momento a súa vontade de colaboración co obxectivo de acadar unha solución satisfactoria para as mariscadoras e os mariscadores afectados pola dragaxe do Burgo. Con ese obxectivo, xa en xaneiro de 2019 propuxo un plan social -sobre o que non obtivo ningunha resposta- coa participación das administracións estatal e autonómica e os concellos da contorna.
    Ese plan prevía a aportación por parte da Xunta dun orzamento de 100.000 euros, unha achega na mesma medida de cada un dos concellos afectados polo proxecto e a participación do Goberno central ata un total de un millón de euros de investimento. A proposta do Executivo galego tamén incluía a demanda á Administración estatal de que os traballos de recollida e reposición de semente na zona -que contan cun orzamento de 620.000 euros no proxecto da obra- fosen realizados polos propios profesionais da confraría da Coruña mediante a fórmula legal de encomenda que sexa innecesaria.
    Malia que a competencia e a obriga de compensar aos afectados é do Goberno central, a conselleira do Mar reiterou a vontade de colaboración da Xunta para aportar unha solución aos profesionais afectados por esta obra, que é fundamental tanto para os veciños dos concellos ribeiregos como para as mariscadoras e mariscadores da contorna.