Vostede está aquí

Nova

A Xunta pon en valor a calidade da centola galega e o labor que realiza a frota de artes menores de Lorbé para a súa captura

Oleiros (A Coruña), 13 de novembro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe ás Xornadas Gastronómicas da Centola no porto de Lorbé, un evento que pretende enxalzar a calidade dun dos produtos do mar máis característicos do sector pesqueiro galego e tamén poñer en valor o traballo que realiza a frota de artes menores da localidade que captura esta especie.

Esta iniciativa, que se retoma este ano despois do parón obrigado en 2020 pola alerta sanitaria do coronavirus, permitirá aos asistentes recoller a centola no porto para degustala nas súas casas ou acudir a algúns dos restaurantes que participan nestas xornadas que se desenvolven entre hoxe e mañá: Porto de Lorbé, A Escola, Casa Méndez e A Cortiña.

A Consellería do Mar abriu a campaña da centola o pasado domingo nas provincias da Coruña e Pontevedra e na provincia de Lugo arrancará a finais de mes. Este crustáceo é un dos máis demandados nos mercados, polo que acada importantes prezos. A campaña extractiva deste crustáceo de 2020-2021 rexistrou os mellores resultados da última década con máis de 640 toneladas comercializadas nas lonxas galegas e máis de 5,5 millóns de euros facturados.

Galeria de imaxes