Vostede está aquí

Nova

A Xunta enxalza o medio século de traballo da base de salvamento da Cruz Vermella na Coruña e a súa contribución ao rescate de persoas no mar en Galicia
  • O Executivo galego destinou desde 2009 preto de medio millón de euros á colaboración coa Cruz Vermella en actuacións de busca e rescate no ámbito marítimo

  • Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo o labor da Cruz Vermella na prevención, emerxencia marítima e loita contra a contaminación mariña e destacou a experiencia desta institución neste ámbito, pois foi a primeira entidade en prestar este tipo de servizos en España en 1971. Así o sinalou durante o acto de conmemoración do 50 aniversario da base de salvamento marítimo da Cruz Vermella na Coruña, onde tamén salientou a colaboración que a Xunta mantén con esta entidade no ámbito marítimo.

    Rosa Quintana tamén fixo fincapé na entrega constante da Cruz Vermella as 24 horas do día os 365 días do ano e sinalou que en Galicia, no que vai de 2021, participou en seis operacións de remolque e rescate a pesqueiros na Coruña, Cedeira e Burela. Un labor, subliñou, “que cobre con amplos medios técnicos e cun equipo de alta valía profesional e persoal como os 70 voluntarios que, baixo coordinación profesional, protexen o mar de Galicia”.

    En canto á colaboración que asina anualmente a Xunta coa Cruz Vermella para tarefas de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, Rosa Quintana expuxo que a Xunta leva destinado desde 2009 a esta finalidade preto de medio millón de euros para sufragar as actividades realizadas e que inclúen, entre outras actuacións, operacións de rescate e de busca de desaparecidos no mar.

    Este apoio tamén se materializa coa cesión de equipamentos como a embarcación da Cruz Vermella Condesa Pardo Bazán, que cando pertencía ao Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia se denominaba Serra do Galiñeiro. Un servizo dependente da Consellería do Mar que conta con máis de 30 anos de traxectoria nos que rescatou a máis de 1.800 persoas e que é unha aposta blindada para a Consellería do Mar.


    A Cruz Vermella e o mar

    No ámbito das emerxencias, a Cruz Vermella conta cun programa de salvamento marítimo que ten como obxectivo protexer a vida humana no mar e loitar contra a contaminación mariña. Todo isto realízase de xeito coordinado coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) e a través da colaboración autonómica neste ámbito tanto en materia de prevención como en materia de emerxencias.

    A base de salvamento marítimo de Cruz Vermella na Coruña foi a primeira de España e fundouse en 1971. Algunhas das accións que realiza a Cruz Vermella nesta área son a participación en exercicios de adestramento, operacións de busca, salvamento e rescate, servizos de asistencia e remolque de embarcacións e tarefas de apoio en materia de loita contra a contaminación mariña.
     

    Galeria de imaxes