Vostede está aquí

Nova

Galicia avanza nos traballos para deseñar o novo Plan da industria conserveira de produtos do mar co fin de reforzar a súa competitividade
  • Rosa Quintana sinalou que o fin deste tipo de xuntanzas é ir da man con Anfaco-Cecopesca e facer partícipe a todos os axentes do sector cos que se analizarán retos e distintos aspectos que inflúen na evolución da actividade
  • A finalidade é definir as liñas prioritarias da folla de ruta do sector con horizonte no ano 2030 en ámbitos como a produción e comercialización, a innovación, o emprego, o medio ambiente e a normativa relacionada que afecta a esta industria

  • Vigo, 17 de novembro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, presidiu esta tarde a primeira reunión entre o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e Anfaco-Cecopesca para a elaboración do Plan estratéxico para o sector das conservas de peixes e mariscos de Galicia 2022-2030. O obxectivo desta ferramenta é reforzar a competitividade do sector conserveiro de produtos do mar e avanzar no seu futuro, do mesmo xeito que se fixo cos plans anteriores, expuxo a titular de Mar.
    Segundo explicou Rosa Quintana, a xuntanza de hoxe marca o punto de partida para a definición das liñas estratéxicas que contribúan a garantir o futuro dun sector que é clave para a economía galega pois Galicia representa o 80% da produción nacional de conservas de produtos do mar. A finalidade deste tipo de reunións, subliñou Rosa Quintana, é ir da man de Anfaco-Cecopesca e facer partícipe deste labor aos axentes do sector.
    Deste xeito debátense e analízanse cos representantes empresariais distintos aspectos que inflúen na evolución da actividade e tamén sobre diferentes retos que afectan á industria conserveira de peixes e mariscos. O obxecto, especificou a conselleira, é definir as liñas prioritarias da folla de ruta do sector con horizonte no ano 2030 en ámbitos como a produción e a comercialización, a innovación, o emprego, o medio ambiente e a normativa relacionada con este sector.
    Este labor dá continuidade ao realizado cos plans anteriores destinados a esta industria co obxectivo de consolidar o liderado da industria conserveira galega apostando pola modernización e o crecemento do sector. Para iso, subliñou a titular de Mar, búscase seguir a liña da consulta aos axentes aos que implica este traballo -empresas, traballadores, expertos, sector extractivo e transformador-.

    Business2sea

    Esta reunión coincide coa celebración do evento internacional Business2sea que ten lugar en Vigo desde onte e ata este xoves, día incluído, e que organizan o Cetmar e Fórum Oceano. Trátase dunha cita de referencia para a cooperación transnacional e o intercambio de experiencias e coñecementos a prol da economía do mar e da innovación. A edición deste ano céntrase na resiliencia para unha nova economía azul a través dunha axenda híbrida con actividades presenciais con capacidade limitada, retransmisións en directo por internet (streaming) e outras enteiramente virtuais e pode consultarse na páxina web desta iniciativa.

    Galeria de imaxes