Vostede está aquí

Nova

Galicia mostra as oportunidades que ofrece o mar para dinamizar as zonas costeiras apostando pola economía azul
  • O Museo do Mar de Galicia acolle o próximo mércores a xornada Todas as oportunidades do mar: avanzando na economía azul co obxectivo de difundir as liñas de traballo xeradas en Galicia neste eido e promover o debate sobre elas no marco da Conferencia sobre o futuro de Europa
  • A conselleira do Mar será a encargada de clausurar o evento, que pretende enxalzar as boas prácticas que contribúen a xerar un modelo de desenvolvemento sustentable en termos ambientais, sociais e económicos

  • Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2021.- A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería do Mar e a Secretaría de Estado para a Unión Europea do Ministerio de Exteriores, UE e Cooperación organizan conxuntamente o próximo mércores 24 de novembro a xornada Todas as oportunidades do mar: avanzando na economía azul. Neste encontro, enmarcado nas actuacións da Conferencia sobre o futuro de Europa, distintas institucións e entidades relacionadas co sector marítimo-pesqueiro exporán as experiencias desenvolvidas en Galicia para dinamizar as zonas costeiras e impulsar a súa economía.
    O encontro -promovido no marco deste novo foro cidadán europeo e que se celebrará de xeito presencial no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, pero que tamén poderá seguirse online- ten entre os seus obxectivos difundir as liñas de traballo xeradas no marco da economía azul en Galicia e promover o debate sobre elas. Tamén busca destacar as boas prácticas que contribúen a xerar un modelo de desenvolvemento sustentable en termos ambientais, sociais e económicos en relación co mar e implicar á sociedade civil e empresarial na configuración do futuro proxecto europeo.
    A xornada comezará ás 09,45 horas coas intervencións do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, e do conselleiro técnico da Dirección Xeral de Coordinación do Mercado Interior e Outras Políticas do Estado do Ministerio de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, José María Escudero.
    Trala inauguración abordarase o primeiro bloque temático sobre O crecemento azul como motor de futuro: o exemplo da Autoridade Portuaria de Vigo, no que o presidente da autoridade portuaria viguesa, Jesús Vázquez Almuíña, fará unha presentación e introdución previa á exposición de varios proxectos como exemplo de boas prácticas neste eido. O primeiro deles será Porta ao mar e peiraos do solpor, a cargo da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, ao que seguirán o proxecto CoLogistics, que exporá a Confederación de Empresarios de Pontevedra, e o Marenet, do Centro de Investigacións Mariñas e o Campus do Mar da Universidade de Vigo.
    O segundo bloque temático da xornada, que comezará ás 12,00 horas, analizará As estratexias de desenvolvemento local participativo nun futuro de diversificación da economía marítimo-pesqueira. A presentación deste asunto correrá a cargo da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Susana Rodríguez, que dará paso á exposición de catro exemplos de proxectos desenvolvidos ao abeiro dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia: o proxecto Tanza, o Plan de produción de aceite de microalgas, o Hotel Bela Fisterra e a iniciativa Pescaturismo Praia Sanxenxo.
    O encontro será clausurado ás 13,30 horas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana. Trátase dunha iniciativa fundamental no marco dunha conferencia a nivel europeo que permitirá impulsar o desenvolvemento das zonas costeiras e compartir experiencias para replicar noutras zonas de Europa as boas prácticas que se desenvolven en Galicia neste eido. As persoas interesadas en asistir de xeito presencial poden inscribirse no seguinte enlace, onde tamén poden consultar o programa completo do evento. As intervencións poderán seguirse de xeito online o día das xornadas a través deste outro enlace.