Vostede está aquí

Nova

Seis pemes coruñesas de transformación de produtos do mar investirán 1,1 millóns de euros entre 2021 e 2022 na mellora das súas instalacións
  • A Xunta subvenciona ata o 50% dos investimentos impulsados polas empresas do sector e na convocatoria deste ano aprobou preto de 21 millóns de euros en achegas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca
  • As actuacións susceptibles de acollerse a estas subvencións son aquelas que buscan mellorar a eficiencia enerxética, reducir o impacto no medio ambiente, promover a innovación e mellorar as condicións de traballo e seguridade dos empregados
     

  • A Coruña, 23 de novembro de 2021.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a empresa Carranco S.L onde destacou que pequenas e medianas empresas galegas de transformación dos produtos do mar coma esta van investir entre este ano e o que vén máis de 1,1 millóns de euros na mellora das súas instalacións na comarca da Coruña.
    Trátase de actuacións que se enmarcan na convocatoria deste ano de axudas para as pemes do mar, que se saldou coa aprobación de sete proxectos en seis empresas coruñesas nos que se subvenciona ata o 50% do investimeno. As empresas beneficiarias están situadas nos concellos da Coruña, Cambre, Bergondo e Culleredo. Destes apoios as pemes do mar benefícianse en toda Galicia a 57 proxectos que suman unha achega total de preto de 21 millóns de euros.
    Trenor subliñou que estes apoios, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), se convocan anualmente desde 2016 e que este é o exercicio con maior número de proxectos aprobados e co importe de crédito concedido máis alto. Isto demostra, engadiu, que o sector recorre cada vez máis a este tipo de axudas promovidas pola Xunta para poder modernizar as súas instalacións.
    O representante do Goberno galego lembrou que entre as accións que son obxecto de apoio con estas achegas está a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas de transformación de produtos do mar e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.
    Mentres, os beneficiarios destas subvencións son as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que permiten, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade, optimizar os procesos de transformación e contar con novos produtos e procesos ou mellores sistemas de xestión.
    O obxectivo desta liña de axudas é que o sector transformador de produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o seu impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore as súas condicións de traballo e seguridade, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e a mellorar os seus resultados económicos.
    Carranco S.L
    Esta empresa con sede na Coruña ten máis de 40 anos de experiencia que abarca toda a cadea de valor. Desde as súas embarcacións, procesa o peixe, e conxela nas súas propias instalacións ata a obtención dun dun produto de alta calidade. Está especializada no procesamento de peixes peláxicos e as súas principais especies son o xurelo, o bocarte, a xarda e a sardiña.

    Esta empresa coruñesa conta con presenza nos principais portos pesqueiros e o 71% da súa produción destínase á exportación. Carranco recibiu, entre esta e outras convocatorias, axudas que suman preto de 990.000 euros para modernizar os seus equipamentos, instalacións e sistemas de produción.