Vostede está aquí

Nova

A Xunta mostra á Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento os rigorosos controis do medio mariño e da produción de moluscos que se realizan en Galicia

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 13 de xaneiro de 2022.- A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, recibiu hoxe ás deputadas e deputados da Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento que visitaron o centro -que foi designado recentemente polo Estado como laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas- para coñecer o seu labor. Durante a visita, que responde a unha invitación trasladada por Covadonga Salgado durante unha sesión da Comisión 8ª, as parlamentarias e parlamentarios puideron coñecer o exhaustivo control do medio mariño que realiza o Intecmar para garantir o cumprimento das normas relativas a aspectos como a seguridade alimentaria e a sanidade animal dos moluscos bivalvos. De feito, ese labor supón a realización de arredor de 90.000 análises de distintos tipos ao ano.
As deputadas e deputados coñeceron ademais o papel do Intecmar como laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas, o que lle permite “sentarse na mesma mesa” que os laboratorios de referencia de países europeos. Neste contexto, a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) facilitará tamén o acceso e a interacción do Intecmar co laboratorio de referencia da Unión Europea a través dun convenio de colaboración que está vixente e no que corresponde ao centro dependente da Consellería do Mar, entre outras funcións, prestar asesoramento aos laboratorios de control oficial nacionais, asistir aos cursos de formación sobre técnicas analíticas e participar nas reunións anuais organizadas polo laboratorio de referencia de biotoxinas mariñas na Unión Europea.

Galeria de imaxes