Vostede está aquí

Nova

Galicia pide ao Goberno central que axilice as xestións para que o sector marítimo-pesqueiro poida acceder pronto aos apoios de emerxencia con fondos europeos

      Silvia Cortiñas defende a necesidade de que o Estado adapte con rapidez o programa operativo español do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura para recibir os recursos previstos ao abeiro do artigo 26 para facer fronte ao encarecemento dos combustibles e das materias primas, acentuado coa guerra en Ucraína

      Tamén incide na importancia de adoptar as medidas necesarias para empregar os remanentes do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, unha medida trasladada pola Xunta á Administración estatal desde o primeiro momento


  • Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022.- A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, pediu hoxe ao Goberno central que axilice ao máximo os trámites necesarios para que o sector marítimo-pesqueiro galego poida beneficiarse das medidas de emerxencia aprobadas pola Comisión Europea, con cargo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), para facer fronte ao incremento dos prezos do combustible, das materias primas e ás consecuencias da guerra en Ucraína.
    A representante da Xunta lembrou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento que a activación do artigo 26 do Fempa permitirá articular axudas de urxencia para que o sector compense as perdas e costes extraordinarios derivados da situación económica actual. Non obstante, para poder dispoñer dos fondos é necesario que o Executivo do Estado inclúa de forma rápida e flexible -como fixo o Goberno comunitario para a activación do artigo 26- esa posibilidade na próxima versión do programa operativo do Fempa que España lle debe presentar á Comisión Europea.
    Silvia Cortiñas incidiu en que Bruxelas vén de propoñer tamén unha modificación lexislativa do actual FEMP para adoptar medidas adicionais de apoio aos sectores da pesca e da acuicultura utilizando os fondos remanentes do período 2014-2020. Trátase dunha medida na liña do que trasladou Galicia desde o primeiro momento ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, polo que tamén pide celeridade ao Estado para poder contar o antes posible con eses recursos e poñelos a disposición do sector.
    O uso dos fondos non empregados permitirá establecer axudas financeiras para cubrir os custos adicionais e as perdas económicas derivadas da crise mediante compensacións pola paralización temporal das actividades pesqueiras, apoios para as organizacións de produtores que almacenen produtos da pesca ou da acuicultura e para os operadores pesqueiros e acuícolas -incluída a transformación de produtos do mar- polos ingresos non percibidos e polos custos adicionais pola situación actual.
    Este mecanismo proposto por Bruxelas, explicou a secretaria xeral técnica, recolle unha maior flexibilidade para facilitar a aplicación das medidas como un procedemento simplificado para modificar os programas operativos dos Estados membros e a subvencionalidade retroactiva dos gastos a partir do 24 de febreiro de 2022. Por iso, demandou ao Goberno central a máxima celeridade e axilidade nos trámites que teñen que ver con España para poñer a disposición do sector uns fondos que por cada millón de euros de recursos propios se mobilizan un total de catro millóns de euros.
    Meses á alza
    A representante do Executivo galego expuxo que as dificultades do sector marítimo-pesqueiro polo encarecemento dos combustibles e das materias primas vén xa dos últimos meses e que a invasión de Ucraína fixo que se acentuasen, polo que apelou a adoptar medidas a medio e longo prazo co obxectivo de garantir o futuro do sector.
    Neste sentido, lembrou a importancia de traballar en aspectos a longo prazo como a descarbonización progresiva do sector, adecuando os barcos a novos combustibles que fagan viable a actividade, e a medio prazo como medidas de eficiencia enerxética que permitan racionalizar o uso do combustible e axustar o seu consumo. Nesta liña, Galicia leva apoiados desde 2016 preto de 90 proxectos neste eido cun investimento público de máis de 9 millóns de euros e un gasto global de arredor de 20 millóns de euros.
    Silvia Cortiñas incidiu ademais na insuficiencia dos apoios habilitados polo Goberno central para facer fronte a esta crise e salientou as principais medidas demandadas pola Xunta: a inclusión das empresas de transformación e comercialización nas axudas formuladas ao amparo do artigo 26 do Fempa, a redución do IVE aos produtos pesqueiros, chegando a un tipo superreducido, a ampliación da flexibilidade interanual das cotas de pesca e máis apoios conducentes a rebaixar o prezo dos carburantes e mellorar a liquidez dos profesionais do mar.
    Precisamente con ese obxectivo de dotar de liquidez ao sector, o Executivo galego adoptou medidas como a exención do pago das taxas nos portos autonómicos, a axilización do abono das axudas concedidas ao sector marítimo-pesqueiro -de forma análoga ao realizado durante a alerta sanitaria pola covid-19- ou o reforzo da campaña GALICIA SABE AMAR para animar á cidadanía a consumir peixes e mariscos, elevar os seus prezos e agradecer á xente do mar o seu esforzo no difícil contexto económico actual.