Vostede está aquí

Nova

Galicia defende a necesidade de aplicar coeficientes redutores para a xubilación das mulleres do mar e adecualos ás circunstancias actuais do sector
  • Este reaxuste viría compensar a dureza do día a día de mariscadoras e redeiras e eliminaría a diferenza que existe actualmente entre sectores do mar historicamente feminizados con respecto a aqueles nos que a maioría é masculina
  • Rosa Quintana lembrou que recentemente o Parlamento galego reiterou ao Goberno central a necesidade de que estes parámetros se adapten en función do risco ou o recoñecemento de enfermidades profesionais propias da rutina de traballo
  • A conselleira indicou que esta medida suporía un recoñecemento na profesionalización da muller e aseguraría que as xeracións futuras se sentisen atraídas polo sector

  • Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de aplicar coeficientes redutores para a xubilación das mulleres que traballan no sector marítimo-pesqueiro e equiparalos aos daquelas actividades nas que a presenza masculina é maioritaria. Esta medida serviría para compensar a dureza do labor de profesionais como mariscadoras e redeiras e eliminar as diferenzas que existen na actualidade.

    Así o expuxo a titular de Mar nun encontro celebrado en Santiago coa Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) no que tamén participou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

    Rosa Quintana recordou que a Xunta de Galicia leva facendo esta reclamación desde 2019 e que, recentemente, lle foi trasladada ao Goberno central unha proposición non de lei do Parlamento galego na que se insta a iniciar o proceso de revisión dos coeficientes redutores para a xubilación e adecualos ás circunstancias actuais da frota e da actividade marítimo-pesqueira, marisqueira e acuícola. En definitiva, que estes parámetros se adapten en función do risco ou o recoñecemento de enfermidades profesionais propias da rutina de traballo.

    Nesta liña, a conselleira indicou que a medida suporía un gran paso no recoñecemento na profesionalización da muller, non só por tratarse dun dereito senón porque se aseguraría que as vindeiras xeracións se sintan atraídas por este tipo de actividades, facendo alusión á importancia de asegurar a remuda xeracional neste sector.

    Polo tanto, quixo agradecer o labor levado a cabo por Anmupesca en favor da igualdade salarial entre homes e mulleres, así como de mellorar a conciliación da vida laboral e familiar. Trátase da primeira rede feminina de traballadoras do mar que reúne na actualidade a máis de 12.000 mulleres de todo o país, das cales 5.000 son galegas.

    Finalmente, a titular de Mar valorou como un acerto o feito de celebrar en Galicia este encontro debido aos grandes lazos que unen á comunidade co mar e á importancia que ten nel a muller como parte integrante e relevante da industria pesqueira galega.

    Galeria de imaxes