Vostede está aquí

Nova

Portos de Galicia amosa a súa sorpresa ante a negativa dalgúns concellos a colaborar para facilitar a práctica da pesca recreativa nos peiraos
  •     O ente público traballa cos afeccionados á pesca deportiva na ampliación de espazos e horarios para realizar esta actividade en 29 portos autonómicos dos que en 25 está condicionada á colaboración dos concellos para o auxilio e control desta práctica
  •    Manifesta a súa estrañeza posto que hai outras administracións locais dispostas a colaborar no control desta actividade e tendo en conta que os municipios controlan outros aspectos semellantes que exceden as competencias de Portos

  • Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022.- O ente público Portos de Galicia considera sorprendente a negativa dalgúns concellos a colaborar para ampliar espazos e horarios para a pesca recreativa en determinados peiraos do litoral galego. Esta ampliación é froito da modificación na normativa que regula a práctica desta actividade en superficie nos peiraos autonómicos e na que traballa a Administración autonómica en contacto cos afeccionados á pesca deportiva.

     

    Con ela, ábrese a porta a ampliar espazos e horarios para a pesca recreativa en 29 portos, en catro deles de xeito inmediato e nos 25 restantes condicionada á colaboración dos concellos para o auxilio e control desta actividade. Este traballo realízase ante o interese trasladado polas entidades locais en que Portos flexibilizase as condicións de pesca nos peiraos.

     

    Os cambios que se propoñen na normativa foron introducidos atendendo ás alegacións e solicitudes recibidas neste sentido durante estes meses de vixencia, produto da súa aplicación práctica e da experiencia, tal e como se indicou desde o primeiro momento. Tamén teñen en conta ese ofrecemento de varios concellos para apoiar a práctica desta actividade nos portos e a formulación e canalización das alegacións dos pescadores locais en varios dos casos, cuestión que choca coa negativa actual a apoiar esta ampliación de zonas de pesca nos peiraos.

     

    Por iso, o ente público manifesta a súa estrañeza, máxime cando hai varios concellos dispostos a colaborar no control da práctica da pesca recreativa nos peiraos dos seus municipios e  tendo en conta que as administracións locais controlan outros aspectos semellantes que exceden as competencias de Portos de Galicia. Por exemplo, as instalacións nas que se realizan outras prácticas deportivas ou os eventos festivos e actividades de ocio que se desenvolven en zonas portuarias previa autorización do ente público autonómico, e nas que moitos concellos asumen non só o control e vixilancia, senón tamén as posibles responsabilidades xeradas con estas celebracións.

     

    Ante esta situación, a Xunta seguirá traballando co obxectivo de avanzar neste eido alí onde sexa posible e velando sempre pola seguridade de todos os usuarios e polo desenvolvemento normal da actividade portuaria.

     

    Neste sentido, hai que lembrar que o pasado verán Portos de Galicia aprobou a resolución que levantaba total ou parcialmente na maioría dos peiraos a prohibición da pesca recreativa en superficie -que estaba vixente desde os anos 70 en todos os portos- co obxectivo de dar garantías aos pescadores recreativos regularizando a actividade. Trátase dun procedemento necesario para poder realizar esta práctica con seguridade e amparo da normativa.

     
    Modificación da normativa

    Portos de Galicia traballa desde o primeiro momento, en contacto cos afeccionados á pesca recreativa, para ampliar a autorización desta actividade nos portos autonómicos. Isto foi o que permitiu autorizar inicialmente a pesca de lecer en 107 dos 122 peiraos de titularidade autonómica.

    Tamén posibilitou abrir a porta a ampliar espazos e horarios para a pesca recreativa en determinados portos. Os peiraos nos que a práctica da pesca recreativa está condicionada á colaboración dos concellos para o auxilio e control desta actividade, estritamente de ocio veciñal e allea por completo á actividade portuaria, son A Pobra do Caramiñal, Aguiño, Bueu, Burela, Cabo de Cruz, Camariñas, Camelle, Cariño, Castiñeiras, Corrubedo, Escarabote, Fisterra, Malpica, Moaña, Muros, O Xufre, Palmeira, Portosín, Rianxo, Ribadeo, Sada, San Cibrao, Santa Cristina, Tragove e Viveiro.

    Outras melloras introducidas por Portos de Galicia que se publicarán proximamente son a posibilidade de acompañamento de menores de 16 anos baixo a responsabilidade dun adulto e a redución da distancia mínima entre pescadores, de 5 a 3 metros. Ademais clarifícanse aspectos relativos aos seguros obrigatorios.