Vostede está aquí

Nova

Galicia amosa a asesores rurais europeos o seu labor de control do medio mariño para garantir a calidade dos moluscos
  • O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño recibiu hoxe a medio cento de profesionais participantes no Congreso Internacional de Extensión Rural 2022 que se está a celebrar estes día en Lugo
  • Trátase da terceira visita que recibe este mes o centro dependente da Consellería do Mar, que xa coñeceron arredor de 1.500 persoas procedentes de 27 países diferentes na última década
     

  •  Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 23 de xuño de 2022 O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, recibiu hoxe a visita de medio cento de asesores rurais procedentes de distintas partes de Europa. Esta xornada de campo enmárcase no Congreso Internacional de Extensión Rural 2022 que está a ter lugar estes días en Lugo da man das tres redes europeas de asesores rurais IALB, Eufras e Seasn e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

    Así, profesionais de Alemaña, Suíza, Austria e Irlanda coñeceron os labores que leva a cabo o Intecmar en materia de control do medio mariño de Galicia dentro da visita de campo Rías Baixas. Produtos do mar e das cepas, enmarcada no congreso. Os participantes puideron coñecer os exhaustivos controis e seguimento que realiza o centro das condicións oceanográficas, fitoplancto, biotoxinas mariñas, microbioloxía, patoloxía de moluscos, contaminación química, oceanografía operacional e loita contra a contaminación mariña accidental.

    Trátase da terceira visita que recibe o centro situado en Vilagarcía de Arousa neste mes de xuño, xunto coa dos participantes no X Curso de divulgación. Química, a ciencia que envolve a nosa vida da USC, que tivo lugar o pasado día 15, e a do alumnado do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), realizada o 9 de xuño. Na última década o instituto recibiu máis de 130 visitas nas que participaron arredor de 1.500 persoas procedentes de 27 países diferentes.

    Constituído como un centro punteiro e referente a nivel mundial nos seus ámbitos de actividade, o Intecmar realiza cada ano máis de 80.000 análises para garantir a calidade e salubridade dos produtos do mar galego. De feito, o seu labor foi clave durante a declaración do estado de alarma pois as súas funcións foron esenciais para contribuír ao abastecemento de moluscos, fundamentalmente mexillón, con todas as garantías hixiénico-sanitarias.