Vostede está aquí

Nova

Rosa Quintana destaca o valor das historias recollidas no libro ‘A muller no mar’ por dar voz a pioneiras que abriron camiño ás actuais xeracións

Ferrol, 30 de xuño de 2022 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na Fundación Exponav de Ferrol na presentación do libro A muller no mar: historias de soños cumpridos, unha obra escrita por Bartolomé Cánovas e Raúl Villa para enxalzar ás mulleres que fixeron historia no mundo marítimo e abriron camiños difíciles ás xeracións actuais. A representante da Xunta, que foi unha das encargadas de escribir o prólogo deste libro, agradeceu o labor de ambos autores á hora de dar forma aos soños cumpridos daquelas que viviron vencelladas co mar con decisión e valentía.

O texto narra a historia de mulleres do século XV relacionadas co medio marítimo e tamén recolle testemuñas directas actuais doutras pioneiras en distintas actividades relacionadas co sector. A titular de Mar salientou que se trata dun libro que é de xustiza ao poñer en valor a loita de moitas predecesoras no derrubamento de barreiras e en sentar os alicerces da loita pola igualdade laboral.